A Deputación de Ourense será accionista de Tragsa, co obxectivo de potenciar a resposta económica e social fronte á pandemia na provincia

Reunión Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) con responsables de TRAGSA. Asisten Jesús Casas Grande (Presidente), Manuel Villarroel (Xefe Territorial da Unidade Territorial Noroeste), Pedro Álvarez (Xerente Ourense-Pontevedra) e Soledad Álvarez Rodríguez (Directora do Gabinete de Presidencia).

Manuel Baltar e Jesús Casas, presidente deste grupo empresarial, de titularidade pública, acordaron establecer unha alianza de cooperación para desenvolver obras e servizos de resposta inmediata á crise do COVID-19 

“O Grupo Tragsa será un brazo da Deputación na execución de obras de resposta inmediata á situacións de emerxencia e para calquera outro servizo”, afirma o presidente do goberno provincial 

AVANTAR ACTIVIDADES

O Grupo Tragsa forma parte da SEPI e do sector público institucional, e constitúese como medio propio das Administracións Públicas que participan no seu accionariado, en total 64 administracións e entidades 

As áreas nas que traballa son: Actuacións ambientais, forestais e prevención de incendios, Infraestruturas, Xestión integral da auga, Servizos públicos e participación social, Produción agropecuaria e Transformación dixital e apoio 

 A Deputación de Ourense será accionista de Tragsa, a empresa pública nacional dedicada a ofrecer solucións ás administracións públicas nos ámbitos medioambiental, de desenvolvemento rural e de xestión de recursos e procesos, entre outros, co obxectivo de potenciar a resposta económica e social fronte á pandemia do COVID-19 na provincia de Ourense. Neste sentido, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, reuniuse no Pazo Provincial con Jesús Casas, presidente deste grupo empresarial, para establecer unha alianza de cooperación “que permita levar a cabo obras e servizos de resposta inmediata á crise do COVID-19, así como outros proxectos”, explicou Baltar. 

O presidente do goberno provincial explicou que o Grupo Tragsa, no que se engloban Tragsa e Tragsatec, “será un brazo da Deputación na execución de obras de resposta inmediata á situacións de emerxencia e para calquera outro servizo que a institución provincial entenda que pode realizar”. Tragsa conta con 200 traballadores en Ourense, máis de 15.400 en toda España, “e pode prestar un gran servizo a Deputación”. 

Manuel Baltar destaca que a idea de ser accionistas de Tragsa “vén avalada pola oportunidade que supón para Deputación contar cun operativo permanente, especialmente apto para resolver a situacións de emerxencia, con prezos públicos e tarifas fixadas e coñecidas. A súa eficacia vén marcada pola súa traxectoria, e para a Deputación de Ourense supón ampliar ás súas posibilidades, co que significa pasar a ser accionista desta empresa pública, adscrita ao Ministerio de Agricultura, que conta xa entre o seu accionariado coa Xunta de Galicia”. 

“Esta alianza achegará máis músculo e recursos á Deputación de Ourense; trátase dunha nova etapa na que a institución provincial conta cun aliado máis e cunha oportunidade de facer máis cousas, de reaccionar con maior prontitude”, afirma Manuel Baltar, salientando: “Gañamos en axilidade, en prestacións e asociámonos cun ente que ten unha gran presenza no medio rural, nunha provincia como a nosa onde o rural ten unha relevancia esencial”. 

Datos de Tragsa 

Tragsa leva máis de 40 anos xestionando proxectos de éxito. A súa cifra de negocio ascende a 1.015.121 millóns de euros, destacando o labor que desenvolve en proxectos de I+D+i, cun investimento en 2020 de tres millóns de euros. O seu parque móbil conta con 1.800 unidades, entre vehículos e maquinaria, e 8.089 elementos de maquinaria auxiliar, sendo o seu ámbito de actuación nacional e con presenza internacional no marco da cooperación española. Ademais, imparte máis de 1.900 cursos de formación. As tarifas de Tragsa téñense mantido constantes nos últimos anos, situándose en 2020 un 3,87 % por baixo dos custes do mercado. 

O Grupo Tragsa forma parte da Sociedad Estatal de Participaciones Industriales (SEPI) e do sector público institucional, e constitúese como medio propio das Administracións Públicas que participan no seu accionariado, en total 64 administracións e entidades. As seis grandes áreas nas que traballan Tragsa e Tragsatec son: Actuacións ambientais, forestais e prevención de incendios, Infraestruturas, Xestión integral da auga, Servizos públicos e participación social, Produción agropecuaria e Transformación dixital e apoio.