Gabriel Alén explica as axudas da Xunta para a renovación dos electrodomésticos nos fogares

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Na visita ao establecemento comercial ‘Delflor Electrodomésticos’ da cidade de Ourense

  • O delegado territorial destacou que achegas poderán alcanzar o 25% do prezo do electrodoméstico para un consumidor xeral, e o 75% para os máis vulnerables
  • Segundo explicou o representante do Goberno galego o prazo permanecerá aberto ata o 30 de setembro, salvo que antes esgótese o crédito deste programa, dotado con tres millóns de euros
  • 63 establecementos da provincia de Ourense xa se adheriron a este programa ata agora

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, explicou na súa visita ao establecemento comercial Delflor Electrodomésticos da cidade de Ourense, que as persoas interesadas en acollerse ás axudas da Vicepresidencia económica da Xunta para renovar os electrodomésticos dos seus fogares poden presentar as súas solicitudes desde o pasado martes, 20 de abril.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Segundo explicou o representante do Goberno galego o prazo permanecerá aberto ata o 30 de setembro, salvo que antes esgótese o crédito deste programa, dotado con tres millóns de euros -un 70% máis que na convocatoria do 2020- coa previsión de chegar a 20.000 fogares galegos.

Gabriel Alén aclarou que o programa Renove Electrodomésticos está dirixido a persoas que queiran cambiar os seus equipos por outros da mesma tipoloxía e coa seguinte cualificación enerxética: frigorífico ou frigorífico conxelador A, B, C ou D; conxelador A, B, C ou D; lavadora A, B ou C; lava vaixelas A, B ou C; ou cociña de indución total.

As achegas poderán alcanzar o 25% do prezo do electrodoméstico para un consumidor xeral, e o 75% para os máis vulnerables, polo que, segundo a tipoloxía de electrodoméstico e o consumidor, as axudas irán desde os 100 aos 450 euros. Deste xeito, prestarase especial atención ás familias vulnerables. Cada beneficiario poderá recibir unha axuda para cada unha das tipoloxías cun máximo de tres electrodomésticos.

As axudas foron convocadas en concorrencia non competitiva e as solicitudes tramitaranse a través de entidades colaboradoras, que poden seguir inscribíndose ata o 30 de xuño. O listado de establecementos adheridos por provincias e concellos pode consultarse na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), no apartado Plan Renove Electrodomésticos 2021 ou na web https://appsinega.xunta.es/IN414B_2021/consulta/. Na provincia de Ourense hai inscritas 63 ata agora.

Esta nova convocatoria da Xunta prevé favorecer o aforro económico, a redución do consumo enerxético e mingua a das emisións contaminantes, ademais de contribuír a xerar emprego.

Aforro enerxético e actuacións na convocatoria anterior

Con esta nova convocatoria a Xunta prevé promover unha mobilización de 10,5 M de euros, aforros económicos anuais de 560.000 euros, unha redución do consumo enerxético de 4050 MWh/ano, unha merma das emisións de CO2 equivalente á plantación de 60.000 árbores e a creación de, aproximadamente, 150 postos de traballo.

Na pasada convocatoria, a Xunta apoiou un total de 11.822 actuacións por un importe de 1,7 M de euros. Máis da metade para a compra de lavadoras, que foi o produto máis demandado polos beneficiarios. O 40% do importe das axudas foi para familias vulnerables. En total, mobilizáronse 6 M de euros e conseguíronse aforros económicos de máis de 300.000 euros ao ano.

O programa enmárcase no Plan de axudas ao comercio galego, sumándose así aos Bonos Activa Comercio ou ao Bono Enerxía Pyme e Comercio. Todas estas iniciativas teñen como obxectivo reforzar a competitividade do sector e incentivar o consumo favorecendo, deste xeito, a súa recuperación.