O Concello de Ribadavia aproba un cheque bebé

O Concello ven de aprobar a Tarxeta Benvida de Ribadavia para nenos e  nenas nacidas ou adoptados/as en Ribadavia e que se empadroen no Concello.

Publicidade

Esta é unha das medidas nas que o Concello está traballando para potenciar o empadroamento e intentar frear a situación de perda poboacional agravada no ano 2020.

Ribadavia a 4 de maio de 2021. 

O Concello de Ribadavia nunha aposta por fomentar a natalidade e potenciar as unidades familiares empadroadas na vila, pon en marcha esta “Tarxeta Benvida”.

Trátase así dunha axuda que pretende favorecer a natalidade, potenciar o empadroamento de poboación e reducir a despoboación no Concello de Ribadavia.

Este bono ten por obxeto axudar a cubrir as necesidades básicas do neno ou nena recén nacido/a ou adoptado/a. Ademais, tamén desde o Concello agasallamos aos recén nacidos cunha cesta regalo de benvida. 

– Características:

Axuda de 100€ por cada nacemento ou adopción de neno ou nena.

– Persoas destinatarias:

Nai ou pai empadroados que tivera un fillo ou filla ou que houberan adoptado un fillo ou filla.

– Requisitos:

Nais e pais empadroados/as no Concello de Ribadavia, ou que se empadroen durante 2021 coa intención de residencia e permanencia.

A intención do Concello é manter estas axudas beneficiando aos recén nacidos que se empadroen durante 3 anos.

Así, como mínimo deben permanecer empadroados/as a nai, o pai e o neno/a ata 31 de decembro do ano en curso, e de non cumprir este requisito deberán devolver a axuda.

– Adhesión de establecementos:

Abrirase un prazo para os establecementos do municipio de Ribadavia (que vendan productos relacionados con recén nacidos/as), que queiran ser partícipes no obxeto das compras desta axuda. Unha vez rematado elaborarase un listado de establecementos,  que se adxuntará xunto coa folla de solicitude a todos/as os/as solicitantes.

– Obrigacións dos beneficiarios:

Realizar o gasto da axuda concedida nos establecementos do comercio local do Concello de Ribadavia facilitados no listado que se anexará na resolución de concesión da axuda.

Xustificar o gasto da axuda concedida nos establecementos locais coa presentación dos tíckets ou facturas correspondentes ata ó 31 de decembro de 2021.

– Compatibilidades:

Esta axuda será compatible con outra de similar concepto ou finalidade de calquera outra administración pública.

– O Concello de Ribadavia nestes dous meses ten priorizado un investimento importante coa aprobación de diferentes axudas, tales como:

1.      Neste momento aínda está en vigor o prazo de solicitude para Axudas a autónomos, hostalería e viticultura. Remata o prazo o venres.

2.      Así mesmo, desde o día 1 de xuño ata final de ano as familias de Ribadavia que máis o necesitan percibirán unha axuda mensual para gastos básicos do fogar como: auga, luz, aluguer, calefacción, alimentación ou vestimenta.

Todas as axudas do Concello nestes dous meses teñen en conta a situación poboacional preocupante que vive Ribadavia, e pretenden potenciar o empadroamento e intentar frear a situación de perda poboacional de Ribadavia agravada no ano 2020.