O PSOE pide máis horas do Servizo de Axuda do Fogar para o concello de Punxín

O PSdeG-PSOE vén de presentar unha serie de iniciativas no Parlamento de Galicia para instar á Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, a que incrementen as horas do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Punxín por encima das horas concedidas no programa individual de atención e evitar deste xeito as listas de agarda na veciñanza en situación de dependencia. O Grupo Municipal Socialista de Punxín tamén defenderá no vindeiro pleno unha moción na que instan ao grupo de goberno municipal a que de maneira “urxente” lle solicite a Consellería de Política Social a asignación dun maior número de horas do servizo, que en todo caso sexa “suficiente” para cubrir a demanda existente e permita a prestación dunha atención de calidade.

Publicidade

Así o reclamaron esta mañá nas portas do Concello a voceira socialista, Lorena Peleteiro, e a deputada no Parlamento de Galicia, Marina Ortega, que aproveitaron para denunciar o “caos e o abandono” que reina en Punxín da man do actual goberno municipal formado polo PP e un concelleiro non adscrito. As socialistas consideran “urxente” afondar na problemática do servizo de axuda no fogar no municipio e dar “solucións” a veciñanza que “máis o precisa nestes momentos de pandemia”.

A voceira do PSdeG-PSOE de Punxín, Lorena Peleteiro, subliñou que ante a “incompetencia e a nefasta xestión” do goberno municipal “temos que ser as socialistas as que loitemos e traballemos pola nosa veciñanza”. A socialista aproveitou para apuntar que o goberno municipal “non só non é capaz de xestionar o Servizo de Axuda no Fogar, senón que se nega a que os demais colaboremos para mellorar este servizo tan esencial, rexeitando propostas do PSOE como a creación dunha comisión de seguimento deste servizo”.