A Mancomunidade celebrará no Irixo o II Encontro de Familias

O Programa de Educación Familiar da Mancomunidade de Concellos do Carballiño ten como traballo base a intervención con familias con diversas problemáticas, contando actualmente con máis de 30 familias usuarias, ás cales se lles presta o apoio e axudas pertinentes a través de entrevistas, visitas a domicilio e coordinación con outros axentes sociais e recursos da comunidade. Non obstante, non podemos esquecer a intervención comunitaria, é dicir, tratar de intervir con toda a poboación para fomentar a parte máis preventiva.

Publicidade

Nos últimos anos, e en colaboración cos Concellos integrantes (Beariz, Boborás, Irixo, San Amaro e Piñor), leváronse a cabo diversas actividades comunitarias cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (obradoiros variados, contacontos…). Co obxectivo de dar a coñecer o programa e traballar coa poboación temas que se consideran de especial relevancia, lanzouse a actividade lúdico-educativa ENCONTRO DE FAMILIAS, visibilizando as funcións das técnicas do programa e xuntando a pais, nais, menores, avós, avoas… para pasar un tempo en familia e aprender, todo ó mesmo tempo.

Neste eido, levouse a cabo o I ENCONTRO DE FAMILIAS en setembro de 2019 no Concello de Piñor, sendo unha experiencia moi positiva. Lamentablemente, debido á pandemia do COVID19 non se puido levar a cabo a segunda edición no ano 2020. Trala evolución da situación e tendo en conta tódalas medidas sanitarias e a autorización da Dirección Xeral de Saúde Pública, o vindeiro sábado 15 de maio (Día Internacional da Familia) terá lugar o II ENCONTRO DE FAMILIAS, esta vez no Concello de O Irixo. A iniciativa será totalmente gratuíta. Terá lugar na zona da Praia Fluvial do Irixo (ó aire libre) dende as 17:00H ás 21:00H, ofrecendo as seguintes actividades: – OBRADOIRO DE CREATIVIDADE EN FAMILIA: teatro, pintura, danza e contacontos. A partir das 17:00H. – ESPAZO DE XOGOS PAPORRUBIO: circuito de xogos de madeira para empregar en familia.

Rogamos a toda familia interesada en participar que asista coa máxima puntualidade posible, para unha organización óptima do Encontro. Tendo en conta as últimas medidas publicadas, non se poderá exceder de 50 participantes en exterior e 25 en interior. No caso de condicións climatolóxicas adversas, a actividade será trasladada ó Pavillón de Deportes do Concello do Irixo. Operación cofinanciada por la Unión Europea, Programa Operativo del Fondo Social Europeo Galicia 2014-2020; en su objetivo 9, Promover la inclusión social y luchar contra la pobreza y cualquier forma de discriminación. El FSE invierte en tu futuro Esperamos contar coa máxima participación nesta tarde en familia. Coidaranse tódalas medidas preventivas do COVID19, sendo obrigatorio o uso de máscara durante todo o encontro.