A Seguridade Social lanza o portal Import@ss que pon ao cidadán no centro e facilita a realización de ata 40 trámites

  • O subdelegado do Goberno en Ourense, a directora provincial da TXSS e do INSS e o subdirector provincial de Xestión Recadatoria presentaron o novo portal da Tesourería Xeral da Seguridade Social.

Ourense, 12 de maio de 2021.- O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González; a directora provincial da Tesourería Xeral da Seguridade Social e do INSS, Rocío de Frutos; e o subdirector provincial de Xestión Recadatoria, Juan Carlos Blanco; presentaron esta mañá Import@ss, o novo portal da Tesourería Xeral da Seguridade Social (TXSS). Trátase dunha ferramenta innovadora no ámbito das administracións públicas, deseñada a partir das necesidades e o comportamento dos usuarios aos que vai dirixida, que son os cidadáns.

Publicidade

O portal Import@ss pon ao alcance da cidadanía a realización de ata corenta trámites distintos, como consultar a información da vida laboral, obter informes, o número da Seguridade Social ou dar de alta a unha persoa como empregada do fogar.

Na presentación, o subdelegado do Goberno destacou que a Seguridade Social “foi historicamente unha administración pioneira en canto innovación”, se ben centrada nas empresas e as súas demandas. Sen embargo, agora “Import@ss pretende achegar a Tesourería aos cidadáns, que son o centro de atención deste proxecto, respondendo ás súas necesidades a través dun perfeccionamento dos canais dixitais e das respostas que ofrecen”.

Emilio González sinalou que se trata dun portal “de fácil acceso para todos os usuarios, independentemente da situación laboral na que se atopen, deseñado tendo en conta o comportamento e necesidades dos usuarios, no que se pode obter información, consultar situacións concretas e datos, e realizar trámites nun entorno dixital adaptado a todas as plataformas e dispositivos electrónicos móbiles”.

“A navegación é moi intuitiva e áxil, con funcionalidades que acompañan e guían en todo momento ao usuario, que non precisa coñecer a lexislación nin tampouco o trámite administrativo”. En definitiva, “trátase dun proxecto que sitúa ao cidadán no centro, con prestacións dixitais por e para eles, escoitándoos e testeando con eles o resultado final para lograr eliminar as barreiras deste tipo de procesos”, destacou o subdelegado.

CONTIDO E ORGANIZACIÓN DO PORTAL

A directora provincial da TXSS e do INSS, Rocío de Frutos, e o subdirector provincial de Xestión Recadatoria, Juan Carlos Blanco, explicaron que o portal Import@ss ten como obxectivo incentivar á cidadanía a aumentar o uso dos servizos dixitais actuais e pode accederse ao mesmo a través da web (seg-social.es), da sede electrónica (sede.seg-social.gob.es) e da app da Seguridade Social.

O novo portal está organizado distinguindo dúas partes: unha páxina principal ou de acceso público, e unha área persoal.

Na área pública está toda a información necesaria para realizar calquera trámite ou xestión, nunha linguaxe comprensible por calquera cidadán. Divídese en catro categorías: vida laboral e informes; altas, baixas e as súas modificacións; consulta de pagos e débedas; e modificación de datos persoais.

A área persoal é un espazo individualizado, onde o cidadán, unha vez que accede cos medios de acreditación habilitados (vía SMS, Cl@ve ou certificado dixital), visualiza todos os seus datos, situacións laborais actuais, vida laboral na Seguridade Social e situacións específicas tanto se é un traballador como un empregador de fogar.

En canto ao acceso vía SMS, destacouse que se trata dun método seguro e para o que só é preciso que a Seguridade Social teña rexistrado o número de teléfono móbil. Así, o subdirector provincial de Xestión Recadatoria detallou que na provincia de Ourense o 70,9% dos traballadores aportaron o seu teléfono á administración e poden empregar este sistema. En canto á porcentaxe de traballadores e empregadores do fogar que aportaron o seu número de teléfono, a cifra ascende ata o 77,3% na provincia.

ATENCIÓN ESPECIAL AOS TRABALLADORES E EMPREGADORES DO FOGAR

Debido ás características especiais no ámbito da Seguridade Social das persoas que traballan ou empregan no ámbito do fogar familiar, no deseño de Import@ss tívose moi en conta a súa linguaxe, a formulación das preguntas e as mensaxes.

Ademais, inclúese un simulador que calcula a cota mensual que se pagaría ao dar de alta a un traballador do fogar, só indicando quen realizará a alta, os datos da xornada e o salario mensual máis as pagas extras, se as hai.

Está previsto que nos próximos meses o portal ofreza novos servizos a determinados colectivos, como os autónomos, que se engadirán aos actuais.