A Xunta apoia ó concello de Larouco co acondicionamento do velorio

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado da alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela, visitou esta mañá as obras de reforma e ampliación que se desenvolveron no velorio municipal. Tratase de actuacións de illamento térmico e da ampliación do cubertiño de madeira da fachada para resgardar aos asistentes en caso de choiva, no que a Xunta investiu preto de 10.167, 95 € ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público da Vicepresidencia primeira do pasado ano. Este concello é un dos 37 beneficiarios na provincia de Ourense nos que se investiron un importe total de máis de 1,1M de euros.

Durante a súa visita, Gabriel Alén destacou que os traballos realizados supuxeron unha mellora importante desta infraestrutura municipal para facela máis funcional, máis eficiente no gasto enerxético e máis cómoda para os veciños.

AVANTAR ACTIVIDADES

Para iso, demoleuse o falso teito, construíse un novo pechamento, illouse termicamente as portas exteriores existentes, levantouse un cubertiño na entrada do inmoble ao que se lle engadiu un voadiño  de madeira e lousa.

Esta axuda forma parte dos case 480.000 euros destinados nos últimos anos pola Vicepresidencia primeira ao concello de Larouco. Nesta liña, o delegado territorial incidiu na importancia da colaboración da Xunta e os concellos para levar a cabo proxectos en beneficio dos cidadáns, e tamén entre as propias entidades locais coa xestión compartida de servizos para aforrar custos.

En canto a Orde de Infraestruturas de uso público,  o Goberno galego destina este ano 11 millóns de euros a esta liña de axudas que financia actuacións nos concellos dirixidas ao incremento da eficiencia no aproveitamento dos recursos enerxéticos renovables, da sustentabilidade, da biodiversidade e do uso recreativo e educativo dos recursos de Galicia.