O Inorde leva a Vía da Prata á 41ª edición de Fitur

O presidente e a xerente do Inorde, participarán a vindeira semana, os días 20 e 21 de maio, na Feira Internacional de Turismo en Madrid, para dar a coñecer a riqueza natural, cultural, enogastronómica e patrimonial do noso territorio

Publicidade

A presentación central da provincia terá lugar o xoves, 20 de maio, ás 13.00 horas, coa “Vía de la Plata, el camino en Ourense por paisajes experienciales”, para promocionar este itinerario neste dobre Ano Xacobeo

Así mesmo, a participación do Inorde en Fitur complementarase coa presentación do “Geocaching, descubre los tesoros en Terra de Celanova-Serra do Xurés”, unha das actividades novidosas contempladas no seu Plan de Acción do 2021

O Inorde participará na 41ª edición da Feira Internacional de Turismo, que se celebrará do 19 ao 23 de maio, con dúas accións centradas na promoción do noso territorio como destino seguro e na posta en valor da súa importante riqueza cultural, patrimonial, natural e enogastronómica, nun dos escaparates do sector turístico máis importantes do mundo.

Fitur 2021 preséntase como a primeira gran cita do sector que se celebrará de xeito presencial e, por elo, o Inorde e a Deputación de Ourense “non queren perder a oportunidade de amosarlle ao resto do mundo as potencialidades turísticas da nosa provincia e a oferta que temos que se adapta perfectamente á situación sanitaria actual”, salientou o presidente do Inorde, Rosendo Fernández.

No marco deste escaparate internacional do turismo, o Inorde participará con dúas accións: unha delas estará centrada na Vía da Prata ao seu paso pola provincia de Ourense e, a outra, amosa unha das actividades incluídas no Plan de Acción do 2021 do Xeodestino Terra de Celanova-Serra do Xurés, o geocaching. Ambas presentacións terán lugar no Stand de Turismo de Galicia.

A presentación central da provincia terá lugar o xoves, 20 de maio, ás 13.00 horas, baixo o título “Vía de la Plata, el camino en Ourense por paisajes experienciales”, para promocionar este itinerario xacobeo que é o de maior extensión dentro de Galicia, neste dobre Ano Santo. “Trátase de impulsar esta ruta xacobea ante prescriptores do sector turístico destacando as súas potencialidades. Neste itinerario os peregrinos terán a posibilidade de vivir a experiencia a través das nosas fermosas paisaxes, de coñecer iconos patrimoniais da nosa provincia, e de gozar da oferta enogastronómica que lle ofrece o noso territorio”, explicou Rosendo Fernández.

Por outra parte, o venres, 21 de maio, ás 10.10 horas, presentarase “Geocaching, descubre los tesoros en Terra de Celanova-Serra do Xurés”, unha das novidosas actividades incluídas no plan de acción deste ano. Esta actividade ten como obxectivo amosar dun xeito interactivo e divertido a riqueza histórica, cultural e patrimonial dos 14 municipios que integran este xeodestino. Para elo, creáronse catro rutas con diferentes temáticas que permiten recorrer a práctica totalidade dos municipios integrantes do xeodestino mediante a visita a lugares e recursos de gran interese.

A provincia de Ourense tamén terá un punto de información dentro do stand de Galicia, no que se promocionarán os recursos dos diferentes concellos e entidades da provincia.

Desta maneira, un ano máis, a provincia de Ourense é protagonista pola súa riqueza cultural, natural e patrimonial, en Fitur, un punto de encontro para os profesionais do turismo que na pasada edición de 2020 logrou récord de participación con 10.487 empresas de 165 países y 253.000 visitantes.