O PSDEG pregúntalle á Xunta polos resultados do proxecto de mellora da augas do encoro das conchas, na Limia

Martín Seco García, Carmen Rodriguez Dacosta e Marina Ortega Otero,
deputado e deputadas pertencentes ao Grupo Parlamentario dos Socialistas de
Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 152 do Regulamento da Cámara,
presentan ante esa mesa a seguinte pregunta para a súa resposta oral na Comisión
7ª.
O pantano das Conchas situado nos concellos de Bande e Muíños leva
décadas acumulando contaminación por fósforo e nitratos dos xurros,
fertilizantes e residuos das explotacións gandeiras da comarca da Limia, a
de maior densidade de granxas de porcos e polos de Galicia. Eses residuos
alimentan as cianobacterias causantes desta contaminación, unha situación
que unida á falla de osíxeno e auga fresca nas augas do pantano pola calor e
a meteoroloxía, unidas á acumulación esaxerada de microalgas, provoca na
cabeceira da presa o envelenamento das augas con ácido sulfhídrico que se
produce pola descomposición das cianobacterias que se atopan no fondo e
que apenas reciben luz.
A propia Comisión Europea xa alertaba desta situación despois do informe
elaborado polo Ministerio de Transición Ecolóxica sobre contaminación da
auga por nitratos entre os anos 2016 e 2019 que detectaba 41 puntos
eutróficos ou hipertróficos sen designar como zonas vulnerables en Galicia
e a propia Confederación Hidrográfica do Miño-Sil publicou que nese 2019
tiña detectados incumprimentos por cantidade de nitratos na auga nun 24 %
dos puntos de mostraxe.
No mes de maio deste ano o MITECO publicou o mapa de contaminación
por nitratos establecendo tres masas de augas superficiais situadas no
concello de Xinzo, nos ríos Limia en Porto Alto e no Nocedo en
Rebordechá e na canle da Lagoa en Vilar de Santos. Sinala tamén dúas
masas de augas subterráneas en San Pedro de Laroá no concello de Xinzo
e Cardeita no concello de Sandiás e sinala dous puntos no pantano das
Conchas, un no curso do río Limia, máis ou menos á altura de Güimil e
outro na zona de Porto Quintela e Mugueimes.
Pese aos datos coñecidos, a Xunta de Galicia non tomou ata o día de hoxe
ningún tipo de medida preventiva nin paliativa que faga fronte a esta
situación e mentres observamos como os medios de comunicación recollían
CSV: REXISTRO-rCPa9RHwR-5
Verificación:
https://sede.parlamentodegalicia.gal/tramites/csv/
hai poucas datas a nova de que o Partido Popular nos gobernos do Estado, a
Xunta e a Deputación de Ourense, destinaran fondos europeos que deberían
de estar destinados a rexenerar o pantano de As Conchas para un complexo
acuático recreativo de máis de medio millón de euros.
En 2013, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), baixo o
Goberno de Mariano Rajoy, puxo en marcha un proxecto de mellora da
calidade das augas e recuperación ambiental da contorna do encoro das
Conchas. Os obxectivos deste proxecto eran “mellorar a calidade das augas
do encoro, compensar a falta de baño con outras zonas adaptadas ao
devandito uso, promover actividades lúdicas, culturais e de saúde na
contorna fluvial, e (…) a seguridade e a accesibilidade da ribeira”.
Na realidade, o primeiro obxectivo apenas recibiu fondos. A maioría do
orzamento, que superaba o millón de euros co IVE, destinouse a construír
unha instalación de dúas piscinas e o reacondicionamiento como tales das
termas romanas de Porto Quintela, todas no concello de Bande.
Para a recuperación ambiental das augas do pantano só se orzamentaron
30.200 euros. A única actuación destinada a recuperar as augas
contaminadas foi instalar unha illa flotante vexetal duns poucos metros
cadrados que se supoñía ía filtrar os tóxicos dun lago de 645 hectáreas de
superficie e de case 30 millóns de metros cúbicos de auga embalsada.
No mes de xullo deste ano tamén observamos como o Consello de Contas
alertaba que se deixara sen executar máis do 40 % do orzamento doutro
programa europeo, o Life Rexenera Limia, que pretendía poñer en marcha
proxectos piloto de recuperación dos acuíferos que desaugan no río Limia,
que á súa vez verte no encoro das Conchas, un programa aprobado en 2014
e que comezou a executarse un ano despois e que estaba dotado cun
orzamento de 2,05 millóns de euros financiado esta vez ao 50 % con
fondos europeos, no que participaba o Goberno do Estado baixo a
presidencia de Rajoy, a Xunta de Galicia presidida por Feijóo e a
Deputación de Ourense, baixo mando do actual presidente do PP provincial
Manuel Baltar.
Despois de 13 anos de desleixo do goberno do PP na Xunta de Galicia, a
situación converteuse en insostible e agora temos un grave problema de
saúde pública e na obriga de que se declare a comarca da Limia como zona
CSV: REXISTRO-rCPa9RHwR-5
Verificación:
https://sede.parlamentodegalicia.gal/tramites/csv/
vulnerable por nitratos, en cumprimento da Directiva de Nitratos da Unión
Europea que obriga aos Estados membros a delimitar as áreas máis
sensibles e contaminadas. Unha competencia que é das comunidades
autónomas, pero aínda que o 40 % do territorio da UE xa conta coa
declaración desa figura protectora, a Xunta aínda non catalogou ningunha
zona vulnerable en Galicia a pesar da carga gandeira que soporta o
territorio da comunidade o que lle valeu a España a apertura dun
expediente de infracción da Comisión Europea.
Por todo o exposto, o deputado e as deputadas que asinan, preguntan:
Cales son os resultados para a calidade das augas da comarca da Limia do
Proxecto de mellora da calidade das augas e recuperación ambiental da
contorna do dito encoro e o programa Life Rexenera Limia?
Pazo do Parlamento, 16 de setembro de 2022
Asinado dixitalmente por:
Martín Seco García na data 16/09/2022 10:34:40
María del Carmen Rodríguez Dacosta na data 16/09/2022 10:35:03
Marina Ortega Otero na data 16/09/2022 10:36:25