Baltar defende no cume nacional de encoros “reencontrar territorio e auga” para o reto demográfico

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe en Madrid no acto de presentación do “Manifesto sobre o futuro das concesións hidroeléctricas de España”, un documento elaborado pola Federación nacional de asociacións e municipios con centrais hidroeléctricas e encoros ( Femembalses), onde se plasman as reivindicacións dos municipios afectados por centrais hidroeléctricas, co fin de facer chegar as mesmas ás altas instancias do Estado. O acto, celebrado no Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos en Madrid, presentado polo xornalista Manuel Campo Vidal contou coa presenza, ademais de Manuel Baltar, cos seus homólogos de diferentes gobernos provinciais, así como representantes das diversas asociacións municipalistas, xunto con Francisco Boia, secretario xeral para o Reto Demográfico, e Francisco Pérez Torrecilla, presidente de Fembembalses. Manuel Baltar, na súa condición de vicepresidente da Federación de Encoros –entidade que engloba a máis de 600 municipios de España-, reivindicou a necesidade de “reencontrar territorio e auga, para avanzar nas enormes posibilidades que as nosas augas interiores teñen fronte ao reto demográfico, e con iso, xerar oportunidades nas contornas rurais englobadas nos municipios e provincias da Federación de encoros”, e subliñou o papel que nese apoio pode xogar Europa: “España non é unha abstracción na problemática do reto demográfico; é un problema global do vello continente. E estamos a reivindicar o poder da auga, que é vida e no caso de Ourense, tamén é saúde. E reivindicámolo desde o traballo en rede que realizamos nesta federación, a máis importante de España despois da FEMP en número de municipios adheridos, cuxo obxectivo é o desenvolvemento económico social dos nosos territorios e o seu equilibrio territorial”. O presidente do goberno provincial dixo, en relación ao manifesto presentado hoxe, que supón “reivindicar o protagonismo dos nosos territorios en algo tan importante como a produción e a xeración da enerxía hidroeléctrica. Como territorios cedentes que somos, terán que repercutir neles os beneficios desa explotación hidroeléctrica, porque falar diso é facelo de reto demográfico, e os gobernos provinciais son elementos activos importantísimos nesta dinámica. Así o trasladamos, unanimemente, á Comisión de Deputacións da FEMP, pedindo igualdade nos fondos New Generation e en todos aqueles extraordinarios que haxa, porque esta é a reivindicación do territorio fronte ao reto demográfico, unha estratexia que nos compete a todos, sen signos políticos polo medio”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Aproveitamento hidroeléctrico Ao longo do século XX realizáronse en España os principais investimentos en aproveitamentos hidroeléctricos, que actualmente seguen en funcionamento respondendo o modelo investimento-concesión de augas, e constitúen un importante e consolidado sistema de xeración de enerxía altamente eficiente e de natureza renovable. Unha das principais características da enerxía hidroeléctrica é que a súa produción, con carácter xeral, xérase en zonas deprimidas de montaña ou rurais desde o punto de vista económico e social, e inmersas nun proceso de despoboamento progresivo. Esta situación xera un contraste entre a importante riqueza que xera a produción de enerxía e a nula repercusión no territorio onde se xera, que, ademais, debe soportar as graves servidumes que pola súa natureza teñen as infraestruturas hidroeléctricas, ademais, do risco potencial que conlevan, como son as presas de regulación e as instalacións de alta tensión. Por iso, a compensación aos territorios onde se enclavan os aproveitamentos debería ser unha obrigación derivada dos principios de xustiza, equidade e recuperación de custos. Palabras descoñecidas