O PP esixe no Congreso os mesmos beneficios fiscais para todas as actividades agrarias da provincia

· Os representantes ourensáns na cámara alta, Ana Vázquez e Celso Delgado, advirten que unha orde do Ministerio de Facenda discrimina en Galicia a concellos agrícolas dentro de una mesma comarca e a sectores produtivos galegos fronte ás mesmas actividades no resto de comunidades autónomas.

O grupo parlamentario do Partido Popular no Congreso reclama ao Goberno central que todas as actividades agrarias da provincia de Ourense poidan acceder en igualdade de condicións aos beneficios fiscais que establece unha orde do Ministerio de Facenda, que segundo advirte o PP provoca agravios no campo ourensán e mesmo discrimina a concellos dentro dunha mesma comarca. Así consta na proposición non de lei ( PNL) que asinan os representantes populares de Ourense no Congreso, Ana Vázquez e Celso Delgado, así como o resto de deputados e deputadas galegas, e que tamén recolle a reiterada reclamación de rebaixa fiscal exposta pola Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia para o conxunto da comunidade autónoma.

AVANTAR ACTIVIDADES

Explican os deputados ourensáns que o pasado 9 de abril o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou unha orde do Ministerio de Facenda, pola que se reducen para o período impositivo de 2019 os índices de rendemento neto, aplicables na estimación obxectiva do IRPF para as actividades agrícolas e gandeiras afectadas por circunstancias excepcionais. De feito, engaden, un Real Decreto de 2007 establece que cando o desenvolvemento de actividades económicas, ás que fose de aplicación o método de estimación obxectiva, vísese afectado por circunstancias excepcionais, como incendios ou inundacións, o Ministerio de Facenda poderá autorizar, con carácter excepcional, a redución dos signos, índices ou módulos

Neste proceso, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación elaborou un informe no que propoñía os beneficios fiscais aos que se poderían acoller as actividades agrarias que en 2019 sufriron fortes descensos nos seus rendementos por causas extraordinarias.

En base a este informe, o Ministerio de Facenda publicou a citada orde de redución de módulos que, con todo, advirten os deputados, “non atende a criterios obxectivos e provoca agravios no campo ourensán en concreto e no galego en xeral, especialmente en sectores como a pataca, uva de viño ou castaña, que resultaron especialmente penalizados, pois non se tivo en conta a crise de prezos que sofren”

Unha discriminación que, mesmo nunha mesma comarca agrícola, obsérvase entre concellos. Ana Vázquez e Celso Delgado citan como exemplos a exclusión deste trato fiscal das cinco denominacións de orixe de viño de Galicia, cando se inclúen as do resto de España. Tamén que nunha comarca agrícola como A Limia, a baixada de tipos só beneficia a Xinzo de Limia e Sandiás, excluíndo a todos os concellos limítrofes que tamén producen pataca. Ademais, para outro produto como a castaña inclúese a provincia de Ourense ao completo, mentres que no caso de Lugo redúcese a uns concellos concretos. Diferenzas que para os deputados ourensáns carecen de sentido e sobre as cales a Consellería do Medio Rural veu facendo reiteradas reclamacións.

Ante esta situación e mediante a proposición non de lei, o PP insta o Goberno a corrixir, con carácter urxente e sen demora, a orde do Ministerio de Facenda, atendendo á proposta realizada pola Consellería do Medio Rural, para evitar agravios comparativos dentro da provincia de Ourense e en toda a comunidade galega co resto de comunidades autónomas.