Para o BNG, o diálogo aberto por parte de Jácome a semana pasada e a instancias dos nacionalistas, non era real xa que 15 min. despois de convocar aos portavoces para este luns, convocaba o pleno para o mércores

Na Xunta de Portavoces celebrada esta mañá co obxecto de avaliar as propostas dos Grupos da oposición á modificación de crédito por valor de 62 millóns de euros que o Goberno Local presidido por Jácome vai levar a pleno o vindeiro mércores día 9, evidenciou o desinterese por parte do rexedor de querer acadar acordos coa oposición.

Segundo o portavoz nacionalista Luis Seara “En dita reunión, o alcalde non amosou nin o máis mínimo interese polas propostas que os diferentes grupos formulamos e que entendemos, cada un de nós, mellorarían sustancialmente a proposta inicial”. E engade,  “pretende impor o seu propio modelo de cidade, se é que o ten, pero a través dun procedemento, como é o da modificación de crédito, que está para outras cousas”.

O BNG volve criticar o procedemento seguido polo alcalde, a quen volven acusar de “pretender gobernar como se tivese maioría cando a realidade é ben distinta, e por empregar o mesmo procedemento que cando estaba na oposición tan duramente criticou como son as modificacións en lote”. Para Luis  Seara o obxectivo de Jácome é chegar á moción de confianza pois “ten absolutamente secuestrado ao PP e sabe que en ningún caso vai apoiar unha moción de censura”.

Os nacionalistas reiteran que hai cuestións do documento coas que están de acordo, polo que “solicitamos que se puideran traer en modificacións distintas e poder votalas por separado” pero tamén outras “claramente cuestionables”, como é o modelo de recollida de lixo e nomeadamente os colectores soterrados, “un modelo claramente en desuso e que xa demostrou non ser nin eficaz nin eficiente”. Motivo polo que xa o pasado xoves, presentaron unha proposta alternativa na que se removían ao redor de 25 millóns de euros.

A reforma interior e os aledaños da Praza de Abastos nº 1, a recuperación do ciclo festivo e acadar os 3 millóns na Concellaría de Cultura, a posta a punto do Auditorio Municipal, o aumento na partida adicada a Servizos Sociais, a posta en marcha da oficina de mobilidade para desenvolver o PMUS, completar os traballos do PEPOU, renovar e ampliar a rede de saneamento e abastecemento, prestando especial atención á zona histórica e ao perímetro rural ou os 10 millóns de euros aprobados en pleno para o sector do pequeno comercio e a hostalería son algúns dos ámbitos nos que o BNG incide na súa proposta.