O BNG inicia unha campaña informativa a prol dun modelo eólico galego, xusto e sustentábel que o levará aos diferentes barrios da cidade

Para os nacionalistas, é fundamental mudar o modelo imposto polo PP para evitar que as galegas e os galegos sigamos sufrindo os custos mentres os grandes beneficios obtidos da produción enerxética van parar a mans alleas.

Desde o BNG inician este mesmo martes, 18 de maio,  ás 18:00 h. e na rúa do Paseo, unha campaña informativa que os levará por todos os barrios da cidade para dar a coñecer ao conxunto da veciñanza as nefastas consecuencias do modelo eólico amparado polo PP e que supón un grave atentado contra o terriotorio e as economías locais.

AVANTAR ACTIVIDADES

Após unha década de parálise estase a producir no noso país un boom dos parques eólicos. Desde a entrada de Núñez Feixóo en 2009 até o 2018 non se instalaran en Galiza nin 300 megavatios (MW). En 2019, nun só ano, puxéronse en marcha 19 parques e 400 MW instalados máis, unha cifra superior á de toda a década anterior.

Coa escusa do fomento da economía verde e das enerxías renovábeis o PP está a favorecer os intereses de grandes empresas e fondos de investimento. Para a veciñanza afectada os ingresos da enerxía eólica baixo o modelo do PP é moi reducido. Na actualidade, as persoas propietarias das terras apenas reciben entre o 1,1% e o 2,4% da facturación dos parques. Sumando os ingresos dos concellos por distintos tributos o que fica no territorio apenas seria un 5%. Galiza é excedentaria en produción eléctrica sen recibir apenas beneficios que compensen o impacto socioeconómico e medioambiental da xeración.

A campaña iniciase esta tarde coa instalación dunha carpa informativa na rúa do Paseo a partir das 18:00 h. e a cal e ata o vindeiro día 28, percorrerá os diferentes barrios da cidade. O mércores estará instalada no barrio do Couto, o xoves en A Ponte e o venres no barrio do Vinteún.

Xa a semana que ven, o BNG trasladarase o luns 24 ata Mariñamansa, o martes a Barrocás, o mércores a Vistafermosa e o xoves ao Xardín do Posío para rematar o venres 28 de maio en Sáenz Díez, na baixada cara o C.C. Ponte Vella.