Marina Ortega pide á Xunta que elabore un informe sobre a situación das traballadoras sanitarias do Sergas

O PP REXEITA UNHA INICIATIVA SOCIALISTA PARA GARANTIR OS DEREITOS LABORAIS DAS TRABALLADORAS SANITARIAS DO SERGAS DURANTE O PERÍODO DE LACTACIÓN

Publicidade

Marina Ortega pide á Xunta que elabore un informe sobre a situación destas traballadoras, así como un protocolo dos riscos de cada posto laboral a desempeñar polas mesmas

O PP vén de rexeitar unha iniciativa socialista para garantir os dereitos laborais das traballadoras sanitarias do Sergas durante o período de lactación. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Sanidade do Parlamento logo de votar en contra dunha proposición non de lei do Grupo Socialista neste senso.

A deputada ourensá Marina Ortega denunciou a situación que están a vivir as traballadoras do Hospital Comarcal de Valdeorras durante o proceso de lactación cando “existen numerosos escritos que se fixeron de parte das traballadoras para reclamar unha maior protección fronte aos riscos laborais” e “motivados pola exposición que estas, pola propia profesión que exercen, poden ter a certas bacterias ou substancias prexudiciais” para o seu “correcto e saudable” período de lactación.

Así, a responsable socialista censurou que ás traballadoras ás que se lles asigna outro posto laboral durante o proceso de lactación reciben unha diminución na súa retribución, cuestión que non se axusta á legalidade, segundo a normativa vixente que obriga a adaptar o posto e condicións de traballo por razóns da maternidade nas institucións sanitarias do Sergas e sempre “conservando o dereito ao conxunto das retribucións do seu posto de orixe”.

Ademais, Ortega criticou que “unha vez que as traballadoras solicitan a adaptación do posto laboral ás circunstancias sinaladas, se lles informa de que poden ser derivadas a lugares afastados significativamente do seu posto de orixe, incluso a 1 hora e 45 minutos”, o que

Por todo iso, subliñou, as traballadoras “entenden este feito como método disuasorio para evitar que continúen co trámite iniciado”.

Con todo, a voceira socialista pediu á Xunta que garanta os dereitos laborais das traballadoras sanitarias e instou á Consellería de Sanidade a elaborar un informe sobre a situación das traballadoras sanitarias no período de lactación, así como un protocolo específico dos riscos de cada posto laboral a desempeñar por estas traballadoras.

Finalmente, Ortega esixiu “blindar os dereitos das nais de dar a lactación e tamén dos menores a recibila” cando “a OMS recomenda realizar lactación materna exclusiva durante os primeiros seis meses” de vida do bebé e “con alimentación complementaria ata os dous anos”. “Non é tolerable que as nais vexámonos impedidas de exercer este dereito por problemas laborais”, concluíu.