O Psdeg-Psoe de Cartelle denuncia que tres meses despois de que o goberno municipal se comprometese a recuperar a torre de Sande “nada se sabe nin houbo avance ningún”

Os socialistas critican o “abandono” e a “deixadez” do goberno municipal do Partido Popular e esíxelles que “se poñan a traballar dunha vez en beneficio dos veciños e veciñas de Cartelle”

O voceiro do PSdeG-PSOE no municipio, Jesús Pereira, critica que os populares “non movan un dedo nin fagan as xestións oportunas para recuperar unha das maiores xoias arquitectónicas do municipio”

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE de Cartelle denuncia que tres meses despois de acadar o apoio unánime da corporación municipal para que a Torre de Sande pasase a dominio público de xeito inmediato, non se realizaron as xestións pertinentes e non hai ningunha nova nin avance nos trámites que o concello tiña que realizar para que este Ben de Interese Turístico Nacional pasase a titularidade pública.

No pleno do pasado 19 de febreiro os socialistas defenderon unha moción na que apuntaban a que a Torre de Sande, unha das maiores xoias arquitectónicas do Concello de Cartelle, “se atopaba nun estado calamitoso e de total abandono, cunha estrutura chea de gretas que fan perigar a estabilidade”. Pois ben, tres meses despois a situación tal e como apuntan dende o Grupo Municipal Socialista “non variou nin un ápice e o perigo segue sendo o mesmo ou aínda maior”.

Para o voceiro do PSdeG-PSOE de Ourense en Cartelle, Jesús Pereira, esta situación “é unha mostra máis do abandono do PP ao noso municipio” e critica que os populares “non movan un dedo nin fagan as xestións oportunas para recuperar unhas das nosas maiores xoias patrimoniais”. O voceiro socialista tamén denuncia que o goberno municipal do Partido Popular “está sumido na deixadez” e que “a súa incapacidade na xestión municipal esta pagándoa a veciñanza de Cartelle”.

Os socialistas agardan que a pesar de que ata agora “nada se fixo” o goberno municipal comece dunha vez a recuperación da torre “nunhas condicións idóneas para que poida servir como referente turístico de Cartelle”. Apuntan dende o Grupo Municipal Socialista a que “canto antes se leve a cabo a recuperación, antes se beneficiará o municipio, posto que será unha fonte de ingresos importante pola chegada de turistas e a xeración de postos de traballo de forma directa e indirecta”.

Pereira volve a recalcar “a importancia dunha xestión pública, transparente e correcta da Torre de Sande, que permita recuperala en beneficio da veciñanza”. O voceiro socialista fai fincapé tamén “na necesidade de que o goberno municipal se poña a traballar xa pola veciñanza e deixe de darlle as costas en temas de vital importancia como son a Torre ou o plan de urbanismo que pretenden aprobar pola porta de atrás e que será gravemente prexudicial para os nosos veciños e as nosas veciñas”.