O Bng demanda recuperar a normalización das frecuencias de liñas de transporte suprimidas durante o estado de alarma

Co fin do Estado de Alarma é preciso recuperar as frecuencias das liñas de transporte das que dependen diariamente moitos galegos que se desprazan fora da Galiza por motivos laborais.

O voceiro do grupo provincial do BNG na Deputación de Ourense, Bernardo Varela, fai un chamamento público aos responsables institucionais para recuperar os transportes  suprimidos durante a Pandemia, á vez que trasladará unha demanda ao pleno da Deputación de Ourense  para esixir que o goberno do ente provincial se implique na recuperación das frecuencias e horarios dos transportes públicos desaparecidos.

AVANTAR ACTIVIDADES

 “É preciso que co fin do Estado de Alarma se recuperen aqueles transportes que permiten conciliar a vida persoal e a vida laboral de aqueles traballadores e traballadoras que se trasladan fora de Galiza diariamente por motivos laborais e que nestes momentos se ven obrigadas a trasladar a súa residencia a outros territorios  ante ausencia dun trasporte colectivo diario, como o existente antes do estado de alarma” afirma Varela.

Neste sentido o voceiro do grupo provincial sinalou casos como o trasporte de buses que iniciaba o seu  percorrido diario  en Vigo con paradas en varios puntos da provincia de Ourense e permitía a varios traballadores ir e vir  diariamente dos seus postos de traballo  fora de Galiza e que se viu reducido a só catro días á semana.   

A pesar do fin do estado de alarma e o fin do peche perimetral, non se albisca que existan indicios de ningún tipo para recuperar unhas frecuencias de transporte e que obriga a unha separación familiar durante a semana laboral  e manter unha residencia fora do País á que se deben trasladar todos os fins de semana.

Por isto o BNG esixe a recuperación paulatina destes servizos unha vez eliminado o estado de alarma e cando menos un servizo diario.