O BNG denuncia que mentres a maleza medra descontrolada por todo o termo municipal, o concello mantén parados desde hai meses os dous tractores desbrozadora dos que dispón

Os nacionalistas esixen ao actual Goberno Local, inicie o antes posíbel os traballos de limpeza e desbroce pois a maleza comeza a estar descontrolada en moitos lugares e as queixas veciñais van en aumento

O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense denuncia unha vez máis a situación de abandono e desleixo na que se atopan as zonas verdes do concello, ao que hai que sumarlle nas últimas semanas a maleza que pouco a pouco e como consecuencia primeiro das chuvias e agora do bo tempo, vaise extendendo por parques, camiños, sendeiros e mesmo parcelas de titulariedade municipal sen que por parte do actual Goberno Local se actúe.

O BNG pon o foco no feito de que na actualidade, os dous tractores desbrozadora dos que dispón o Concello de Ourense atópanse parados desde fai meses e sen persoal que os conduza, namentres medra a maleza e as queixas veciñais por mor desta situación.

Publicidade Premer na Imaxe

O portavoz nacionalista, Luis Seara entende que “nesta época do ano e como consecuencia do bo tempo, a maleza medra de xeito exponencial polo que cómpre ter un plan e un calendario de desbroces que permita limpar os parques, camiños, sendeiros e solares pois supoñen un risco para a veciñanza, ofrecen unha imaxe de abandono e supoñen un risco, máxime cando nos achegamos a época de alto risco de lumes”.

Manter unha cidade limpa e coidada require de iniciativa, capacidade de xestión e proxecto de cidade e “o actual alcalde e concelleiros do goberno demostran unha vez máis non ter nada diso”.

Para o BNG outro dos puntos nos que queren incidir é o feito de que para acometer estes traballos é precisa unha importante infraestrutura tanto de medios materiais como de persoal, “algo do que actualmente adolecen Concellarías como Medio Ambiente, Termalismo ou Infraestruturas, encargadas de levar a cabo estes traballos”.

Segundo os nacionalistas “mentres a Jácome so lle preocupa contratar enxeñeiros para o seu centro de I.A. outros departamentos adolecen de persoal suficiente para acometer as súas tarefas”.