Emigración publica as axudas para familias galegas do exterior en situacións de emerxencia social urxente especialmente derivadas da covid-19

A Secretaría Xeral aumenta a súa dotación este ano co obxectivo de atender aos residentes do exterior que padezan un deterioro grave da súa situación social e económica a causa da pandemia, pasando dos 200.000 euros de 2020 aos 500.000

A Secretaría Xeral da Emigración publicou no Diario Oficial de Galicia de hoxe (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210519/AnuncioG0595-060521-0001_gl.html) as axudas para familias galegas do exterior en situacións de emerxencia social urxente especialmente derivadas da covid-19.
Deste xeito, o Goberno galego destina 500.000 euros ás e aos residentes do exterior que carezan dos recursos económicos necesarios para atender problemas sobrevidos de carácter extraordinario, xa sexan sociais, sanitarios ou asistenciais.

AVANTAR ACTIVIDADES

Estas axudas, que contarán en 2021 cun crédito orzamentario de 500.000 euros, destínanse a persoas emigrantes galegas e aos seus fillos e fillas que posúan a condición de persoas galegas residentes no exterior e que, por cuestións urxentes e extraordinarias, se atopen en situacións de emerxencia social, derivadas da situación de pandemia xerada pola covid-19. O pasado ano, esta convocatoria xa se viu incrementada ata os 200.000 euros debido aos problemas que comezaron a xurdir polo avance do virus nos distintos países.

Estes apoios económicos consisten en axudas de ata 3.000€ por persoa beneficiaria.
A covid-19 converteuse nunha pandemia global e as súas consecuencias sociais e económicas redundan no agravamento de situacións persoais que, nalgúns casos, levaron ao límite de exclusión social a familias galegas que viven en terceiros países, especialmente, en América, onde estes problemas veñen a sumarse ás propias dificultades das situacións económicas e sociais que se están a vivir neses lugares.

Os requisitos necesarios para solicitar estas axudas é ter rendas ou ingresos insuficientes, contar cun patrimonio insuficiente ou acreditar razóns de carácter social, sanitario ou asistencial de situacións sobrevidas nun tempo próximo ao da súa solicitude como máximo nos últimos doce meses e que, pola súa gravidade, requiran dunha actuación urxente ou da necesidade de realizar a viaxe por mor desta razón.

O prazo destas axudas estará aberto ata o 15 de novembro e para máis información, os interesados poden coñecer a nova liña a través do seguinte enlace: https://emigracion.xunta.gal/actividade/lina-de-axuda/axudas-emerxencia-social-ano-2021