O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañado de técnicos provinciais, visitou as instalacións do colexio “Santo Ángel”, no barrio do Couto da capital ourensá, percorrido no que tamén estivo acompañado por representantes do Bispado, da Fundación Santamarina e da comunidade que xestiona o colexio. “Poñer en valor o legado de Angelita Varela, marquesa de Atalaya Bermeja e filla de Ramón Santamarina, empresario e filántropo ourensán que fundou en Bos Aires da vila de Orense, forma parte dunha estratexia para promover e difundir unha parte importante da nosa riqueza patrimonial; unha andaina que comezou coa recuperación de pezas de extraordinario valor (mobiliario, obras de arte o obxectos persoais), que integrarán unha grande exposición que a Deputación está a preparar para 2022”, destaca Manuel Baltar.
A posta en valor deste patrimonio tamén ten un fío directo coa grandeza e maxestuosidade da edificación situada na finca onde se atopa o colexio. “Os ourensáns temos un auténtico tesouro no barrio do Couto, na capital ourensá -sinala o presidente Baltar-, mesmo a capela onde están soterradas Angelita Varela e a súa tía -monumento funerario realizado por Asorey-; son pezas de significado valor arquitectónico e artístico, xunto con fotografías e outros obxectos, e está na nosa intención traballar conxuntamente coa fundación para darlle un uso futuro que permita aos visitantes poder contemplar a calidade patrimonial deste conxunto, e lembrar un tempo no que Angelita Varela, o seu pai e toda a familia foron uns excelentes embaixadores da nosa terra ourensán na Arxentina”. Un labor social que se manifestou, tamén, no seu día coa Presidencia da Cruz Vermella por parte de Angelita Varela e que hoxe se segue realizando con traballo docente e formativo que desenvolve o colexio San Ángel. “Por iso, para a Deputación, colaborar con proxectos deste tipo é unha obriga porque estamos a falar de Ourense, de reivindicar o noso, a nosa identidade, e aí estará sempre o goberno provincial”, expresa Manuel Baltar.