O BNG solicitará no vindeiro pleno do Parlamento galego o incremento do cadro de persoal na oficina fiscal de Ourense

A PNL rexistrada polos nacionalistas, solicita do Executivo galego o incremento do cadro de persoal nas oficinas fiscais de Galiza, concretamente nas de Ferrol e Ourense, ate acadar, cando menos, a ratio dun funcionaria ou funcionario de xestión ou tramitación por cada fiscal/a.

Publicidade

O Grupo Parlamentar do BNG no Parlamento galego ven de rexistrar unha Proposición non de Lei  para ser debatida no vindeiro Pleno da Cámara galega na que solicitan do Executivo galego o incremento do cadro de persoal nas oficinas fiscais de Galiza, concretamente nas de Ferrol e Ourense, ate acadar, cando menos, a ratio dun funcionaria ou funcionario de xestión ou tramitación por cada fiscal/a.

 Para o BNG, e tal e como afirma o deputado por Ourense Iago Tabarés, un dos asinantes da PNL, “a pesares do incremento da carga de traballo, na última década o número de fiscais destinados en Galiza apenas sufriu variacións significativas, incrementándose unicamente o cadro de persoal en dous fiscais, para as areas de Vigo e Lugo”.

 Do mesmo xeito, desde a formación nacionalista, inciden no feito de que “o persoal funcionario integrado nas oficinas fiscais de Galiza tampouco experimentou incrementos significativos continuando moi lonxe da ratios recomendadas tanto pola Fiscalía Xeral do Estado como pola propia Fiscalía Superior de Galiza”.

 Os nacionalistas aluden directamente á memoria da Fiscalía Xeral do Estado correspondente ao ano 2018 e no que se fai constar que “Unha das cuestións máis unanimemente prantexadas nas comisións é a referida á precariedade de medios persoais no que ás Administracións compete. En canto á ratio de funcionarios por fiscal, a realidade é tan sangrante que ven reivindicando se logre contar co apoio dun funcionario para cada fiscal, non chegando na media nacional a superar o 0,8%”.

 Por último, Iago Tabarés lembra que “a normativa actual outorga á institución do Ministerio Fiscal promover a acción da xustiza na defensa da legalidade e dos dereitos da cidadanía e do interese público tutelado pola lei, así como, a cada día máis complicada misión, de velar pola independencia dos tribunais e procurar ante estes a satisfacción do interese social”. E engade, “a importancia das atribucións que o ordenamento do Estado lle confire e os anuncios e propostas lexislativas en tramitación, de concretarse, van supor un incremento progresivo das súas funcións e atribucións, polo que os medios actuais non son suficientes”.