A Xunta convoca os premios extraordinarios de ESO ao rendemento académico correspondentes ao curso 2020/2021

Increméntase nun 6% a contía do premio, que poderán obter ata 20 estudantes

O obxectivo é facer un recoñecemento público aos alumnos máis destacados

AVANTAR ACTIVIDADES

A Xunta de Galicia vén de convocar os premios extraordinarios de ESO ao rendemento académico correspondentes ao curso 2020/2021, uns galardóns cos que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade quere facer un recoñecemento público ao esforzo e dedicación do alumnado desta etapa educativa que remata cuns resultados académicos salientables.
Serán un total de 20 alumnos os que poidan acceder a estes premios, de entre os que estean cursando este ano o cuarto curso da Educación Secundaria Obrigatoria e que obtivesen no conxunto da etapa unha nota media igual ou superior a nove puntos.
A contía de cada premio ascende a 800€, cun incremento de 50€ (un 6% máis) respecto da convocatoria anterior. Ademais, cada persoa galardoada recibirá un diploma acreditativo e a distinción será anotada no seu expediente académico. Os premios son compatibles, así mesmo, con calquera outro tipo de premios, bolsas ou axudas concedidos por algunha Administración pública competente ou calquera ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou organismos internacionais.
 

Proba

O alumnado que solicite estes premios debe realizar unha proba presencial que terá carácter único en todo o territorio da Comunidade, que se desenvolverá de forma simultánea nas distintas sedes. Para poder aspirar ao premio, deberanse obter, como mínimo, cinco puntos en cada unha das materias obxecto da proba.
A proba estrutúrase en dúas partes. A primeira delas está composta por diversas cuestións referidas ás seguintes materias de 4º curso Lingua galega e literatura, Lingua castelá e literatura, e Primeira lingua estranxeira, agás no caso de alumnado con exención en Lingua galega e literatura, que queda exento da realización da correspondente parte da proba.
Na segunda parte o alumnado debe dar resposta a diversas cuestións teóricas e prácticas, de tres materias do currículo tamén de 4º curso, en concreto Xeografía e historia, unha materia xeral do bloque de materias troncais (Matemáticas orientadas ás ensinanzas académicas ou Matemáticas orientadas ás ensinanzas aplicadas) e unha materia a escoller de entre as de opción do bloque de materias troncais cursadas (Bioloxía e xeoloxía, ou Economía, ou Física e química, ou Latín, ou Ciencias aplicadas á actividade profesional, ou Iniciación á actividade emprendedora e empresarial, ou Tecnoloxía.


Solicitudes ata o 6 de xullo

O prazo de presentación de solicitudes está aberto entre o 7 de xuño e o 6 de xullo. Subscribiranas directamente as persoas interesadas con plena capacidade de obrar ou, se é o caso, os representantes legais das persoas solicitantes.
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na aplicación informática PremiosEdu accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, ou directamente desde a propia aplicación.
Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.