O concello renova o Regulamento de Honores e Distincións

O Concello do Carballiño dotarase dun novo Regulamento de Honores e Distincións, normativa que terá por obxectivo fixar os procedementos para premiar merecementos excepcionais. O nomeamento de fillos predilectos ou adoptivos e a concesión das medallas de ouro e prata quedarán regulados pola nova normativa.

Cinco serán as modalidades que se inclúen no documento de Honores e Distincións que será presentado á corporación municipal:

  • Nomeamento de fillo predilecto do Concello do Carballiño.
  • Nomeamento de fillo adoptivo do Concello do Carballiño.,
  • Medalla de ouro do Concello do Carballiño.
  • Medalla de prata do Concello do Carballiño.
  • Nomeamento de presidente honorario da Corporación do Carballiño.

Para a concesión dos honores e distincións previstos será precisa a instrución do correspondente expediente, no que se deberan acreditar os méritos e circunstancias da persoa ou entidade á que se pretende distinguir. Cando concorran extraordinarios e notorios méritos no interesado, poderá prescindirse do expediente, sempre que o acordo se adopte por aclamación.

Publicidade Premer na Imaxe

A iniciativa do expediente poderá partir da presidencia da Corporación do Carballiño; de proposición asinada por nove concelleiros da Corporación municipal (como mínimo) ou de instancia subscrita alomenos por cen residentes no concello; ou por unha entidade, institución ou corporación da provincia de recoñecido prestixio.

Haberá un número máximo de distincións (8 nos casos de fillos predilectos, adoptivos e medalla de ouro e 15 no das medallas de prata). As distincións non se poderán acordar sen a existencia previa de vacantes. Cando os titulares da mesma sexan persoas xurídicas, as vacantes entenderanse que se producen a partir dos 10 anos da data do acordo da concesión. As concedidas a título póstumo non se computarán a efectos de número máximo de medallas de ouro e de prata.