Expourense acollerá a feira de oportunidade Car Outlet do 4 ó 6 de xuño

Expourense regresa á actividade feiral presencial coa celebración da terceira edición do Car Outlet Ourense que ofrecerá as mellores oportunidades do mercado de vehículos de ocasión e segunda man con todas as garantías que brindan os concesionarios oficiais, con descontos que poden chegar ata o 50% dobre o prezo do vehículo novo. Trátase dunha cita coorganizada entre Expourense e a Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense, ACAUTO, que conta coa colaboración de ABANCA. Celebrarase no recinto feiral fin de semana do 4 ao 6 de xuño. Para garantir a celebración dun evento seguro, o salón contará cun sistema de control de aforo e con todas as medidas de seguridade (control de temperatura no acceso, xel hidroalólico, distancia de seguridade, control dos fluxos de visitantes a través de sinaléctica…).

Publicidade

A terceira edición do Car Outlet Ourense foi presentada esta mañá en Expourense nun acto no que participaron o presidente de ACAUTO, Ramón Seijas; o director de Zona de ABANCA Ourense Centro, Enrique Romero; e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez.

Un total de 22 marcas estarán representadas a través dos 16 concesionarios acollidos a A.C.A.U.T.O. que participarán como expositores e que representan o 95% das marcas que operan no mercado español. Trátase dunha cita vencellada a un dos sectores comerciais de maior peso na nosa contorna, o da automoción, no que se reunirán máis de 350 coches con ofertas moi especiais. O obxectivo desta cita é cubrir todas as gamas e modelos para adaptarse ás necesidades e preferencias dos clientes ao mellor prezo. O público poderá consultar nun mesmo espazo distintas opcións de coches de oportunidade no mercado ourensán, e comparar in situ antes de decidir a compra.