O PP do Carballiño pide incorporar ao patrimonio municipal a chamada “casa do pobo”, edificio sito no número 4 da rúa murcia

 Exposición de motivos:

É unha vella reivindicación do Concello do Carballiño a incorporación ao patrimonio municipal da chamada casa do Pobo, sita no nº 4 da actual Rúa Murcia. Non pretende esta moción discutir cales foron as orixes de esta propiedade, cal foi o seu uso, ou cal é a importancia histórica que pode ter. Todas estas cuestións teñen a súa importancia, pero non cremos que o Pleno do Concello sexa o lugar máis axeitado para a súa discusión, tema mais propio de outros foros.

AVANTAR ACTIVIDADES

     Esta moción diríxese, pois, a facer algo, e non a seguir falando de algo. E dicimos isto porque resulta triste mirar as veces que isto se trouxo ao Pleno, sen que a día de hoxe se fixese nada de nada.

A última vez en que se tratou este tema no Pleno, a lo menos a última vez da que temos noticia, foi en xullo de 2017, ou sexa, hai xa máis de cinco anos. O acordo adoptado nese momento foi o seguinte:

O Concello do Carballiño pídelle á Xunta de Galiza, propietaria dos edificios coñecidos como Centro Comarcal do Carballiño e a antiga Casa do Pobo, o traspaso á titularidade do Concello do Carballiño de ambas edificacións, unha vez rehabilitadas, a fin de darlle o uso que se especificará no dossier anexo á petición

Así que en Xullo de 2017 xa estaba claro que a propiedade do inmoble era da Xunta de Galicia, e só faltaba decidir nunha comisión cal sería o destino que se lle debía dar. Que nos saibamos, esa comisión seguiu o camiño que adoitan seguir as comisións neste concello, e que non é outro que o clásico “se queres que algo non funcione, crea unha comisión”. Non sabemos se nesa comisión se chegou a falar algo, si se adoptou algún acordo ou non. Seguro que este Pleno serve para aclaralo, xa que de existir algún acordo deberá unirse ao expedinte.

A realidade é que, cinco anos despois, o acordo non se cumpriu, ninguén sabe se existe ou non o “dossier anexo” que debería recoller os usos do edificio pero todos temos a certeza de que o edificio segue sendo da Xunta, segue sen uso, e sen que o Concello o reclame. Ou sexa, que  cinco anos despois non se fixo nada de nada.

En realidade isto non debe sorprender a ninguén, xa que en canto á incorporación de bens ao patrimonio do concello a xestión actual e nefasta: seguimos sen arranxar o tema do baixo da praza do Corral, sen arranxar o tema de Pena Cobertoira, sen solicitar a cesión da carreteira de Ribadavia, non sabemos como está o tema do centro comarcal, e abofé poderíamos seguir moito tempo falando de cousas similares…

Non cabe xa repetir o que se fixo no ano 2017, e a pasou o tempo de falar dos usos que se lle poden dar a este local, pero todos sabemos a necesidade de locais que temos no concello para os servizos municipais. Recadación está nun baixo alugado, a Policía Local podería ir para alí, servizos coma urbanismo, cultura, turismo, etc… poderían ter o seu acomodo. Pero tamén se podería pensar en outro tipo de utilidades, como locais para asociacións, ou de ensaios, casa da xuventude (pódese facer baixo mais catro alturas), etc… Estamos certos de que o resto de grupos tamén teñen as súas ideas sobre o uso e que as proporán na Comisión ou no Pleno. Pero a responsabilidade dunha maioría absoluta esixe tomar decisións, algo ao que o grupo de goberno lle ten auténtica alerxia; está moi ben que se escoite ao resto dos grupos para ver a súa opinión sobre o uso do inmoble, pero en definitiva as cousas hai que executalas, e esa responsabilidade compételle ao alcalde, e non ao resto dos grupos.

En canto a rehabilitación do edificio vai depender, loxicamente, do uso a que se destine. Se o grupo de goberno fixese o seu traballo cinco anos atrás, hoxe teríamos esta cuestión resolta e poderíamos solicitar a entrega do edificio xa rehabilitado; como non o fixo debemos conformarnos con esixir ao grupo de goberno que o faga xa, que decida o seu destino a poder ser neste mesmo Pleno, e que solicite a Xunta, sen máis demora, a entrega do edificio xa rehabilitado e adaptado para o fin decidido.

Polo exposto, sométense a votación do Pleno o seguinte acordo:

ACORDA:

Que o Concello do Carballiño solicite á Xunta de Galiza, propietaria do edificio coñecido como Antiga Casa do Pobo, o traspaso da súa titularidade ao Concello do Carballiño, unha vez rehabilitada para o fin que se decida.