O Psdeg-Psoe denuncia que mentres Sánchez aprobada medidas para rebaixar a factura da luz, Feijóo fundíase en apertas cos presidentes das compañías eléctricas

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Os candidatos e candidatas resaltaron que máis de 12.500 persoas de Ourense perciben o Bono Social Eléctrico que lles permite facer fronte aos prezos da enerxía, disparados polo contexto internacional

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

“Feijóo vai derrogar a solución ibérica impulsada por Sánchez que quixo copiar toda Europa” recordaron antes de proclamar que “o voto ao PSOE é o único que garante que unha factura da luz controlada”

Ourense, 20 de xullo de 2023. Os candidatos e candidatas do PSdeG-PSOE pola provincia de Ourense ás Cortes Xerais destacaron hoxe o “gran escudo social para protexer á clase media e aos máis vulnerables” no ámbito dos consumos de primeira necesidade e denunciaron que, “mentres Pedro Sánchez aprobada medidas inéditas para rebaixar a factura da electricidade, Alberto Núñez Feijóo fundíase en apertas cos presidentes das grandes compañías eléctricas cos que compadrea”.

Durante unha visita a unha comunidade veciñal beneficiada por estas “medidas históricas” do Goberno central, os cabezas de lista ao Congreso e ao Senado, Marga Martín e Rafa Villarino, resaltaron que máis de 12.500 persoas da provincia ourensá perciben o Bono Social Eléctrico que lles permite facer fronte aos prezos da enerxía, disparados durante o último ano polo complexo contexto internacional.

“Reforzouse este bono ampliando a súa cobertura en 600.000 familias máis en toda España, sumando 1,9 millóns de fogares no conxunto estatal e establecendo a súa renovación automática”, recordaron antes de sinalar que “tamén se aumentou a dotación do bono social térmico e a prohibición do corte de subministración a consumidores vulnerables”. “Feijóo impulsou cero medidas para rebaixar a electricidade ou axudar ás familias durante o seu goberno na Xunta”, recordaron, polo que “ter a Feijóo no poder estatal, implicaría un carrusel de recortes masivos nas actuais políticas sociais”.

“Este goberno estivo á altura das circunstancias xa que nunca, na historia do noso país, investiuse tanto diñeiro e esforzo para levar a cabo políticas que mellorasen a vida das persoas”, aseveraron. Para os candidatos e candidatas socialistas é “clave” votar o próximo domingo ao “único partido que poder facer fronte á peor dereita reencarnada en Feijóo”, co fin primordial de “manter o maior escudo social da historia”. Así pois, recordaron que “o PP xa anunciou que quere derrogar a excepción ibérica que permitiu controlar a factura da luz”, unha medida acadada persoalmente polo presidente Sánchez no seo da Unión Europea e que “toda Europa quixo imitar”.

Os e as socialistas ourensáns amosaron o seu malestar á veciñanza, preocupada polos posibles recortes dos ultras da dereita, e recordaron que desde o PSOE seguen “escandalizados” porque “Feijóo chamou ‘timo ibérico’ á solución ibérica impulsada por Sánchez que permitiu rebaixar a factura da luz e a inflación a miles de veciños e veciñas de Ourense”.

“Nós garantimos que a factura da electricidade seguirá controlada grazas ás medidas de equilibro social do PSOE”, insisten porque “non deixamos nunca a ninguén atrás”, fronte a un “PP secuestrado por ultras que provocaría un incremento brutal da luz, unicamente para contentar aos amigos das grandes eléctricas cos que Feijóo compadrea”.

Aforro medio de 100 euros para cada fogar de Ourense

Desde o PSdeG-PSOE recordan que a solución ibérica impulsada por Pedro Sánchez “supuxo unha diminución drástica dos prezos da enerxía en España en comparación con outros países da UE” porque, desde a entrada en vigor deste mecanismo extraordinario, o aforro bruto foi de máis de 100 euros para cada fogar ourensán e de 5.500 millóns para o conxunto de España”. “Son medidas que na nosa provincia teñen incluso un maior impacto debido á gran cantidade de pensionistas e ao seu importe medio”, remacharon.

“Esta baixada sostida do prezo da electricidade grazas á solución ibérica de Sánchez e ao resto de medidas adoptadas polo Goberno central, foi clave para que a inflación española sexa a máis baixa de Europa”, advertiron tamén aos veciños e veciñas da provincia de Ourense, preocupados pola posible fin destas medidas. “Sánchez xa remitiu á Comisión Europea unha reforma do mercado eléctrico para rebaixar os prezos, proposta que o PP de Feijóo non quere nin asumir nin aprobar”, denunciaron antes de concluír resaltando que esta reforma só será posible “revalidando o actual goberno de progreso”.