O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou en San Cristovo de Cea un dos establecementos beneficiados das axudas para a dixitalización e a modernización do sector comercial e artesanal galego na edición do ano pasado con 24.700 euros.

Publicidade

Na empresa deportiva Deinde Sport, e acompañado do alcalde, José Luís Valladares, Gabriel Alén, informou que o prazo de presentación de solicitudes para esta liña de axudas  de 2021 estará aberto ata o vindeiro 4 de xuño.

A empresa, dedicada ó mundo do deporte, en concreto ó rugby, considerou esta a mellor época para enfocarse neste nicho de mercado, con exportacións sobre todo a Francia e ás illas británicas. Animou a todos a acollerse a estas axudas, que favorecen o emprendemento no rural.

A convocatoria, de concorrencia competitiva, conta este ano cun orzamento de 5M€ e diríxese ao comercio polo miúdo e aos obradoiros artesanais. As axudas cobren ata o 80% e existe a posibilidade de acceder a anticipos de ata o 50% do importe da axuda.

Por unha parte, contempla unha liña de dixitalización comercial que inclúe axudas para impulsar a transformación dixital –con apoios para páxinas web con venda en liña ou melloras e actualizacións–; optimizar e axilizar os procesos comerciais –con sistemas integrados para a planificación e xestión de recursos empresariais comerciais ou tablets asociadas coa actuación de ferramentas de xestión–; realizar actuacións de comunicación, publicidade e márketing en internet; actuacións de comercialización dixital como a participación en eventos efémeros ou feiras dixitais; e tamén para apoiar a loxística e-commerce ou e-commerce sostible.