As lendas e a Ribeira Sacra, protagonistas do novo espectáculo do “Bruxo Queimán”

A Deputación de Ourense colabora con este evento cultural que contribúe a pór en valor as tradicións, a gastronomía e a paisaxe deste territorio, e que se representará por primeira vez sobre un catamarán no río Sil 

Publicidade

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe no acto de presentación do novo espectáculo do “Bruxo Queimán” e das “Bruxas-Peregrinas”, celebrado nun catamarán no embarcadoiro de Santo Estevo, en Nogueira de Ramuín, “unha posta en escena na que son protagonistas a Ribeira Sacra e as lendas, co obxectivo de contribuír á pór en valor as tradicións, a gastronomía, a viticultura e a paisaxe deste singular territorio”, expresou o presidente Baltar. 

A Deputación de Ourense colabora con este espectáculo onde se mestura o ritual da queimada coa exaltación da terra e do mar, do Camiño de Santiago, do folclore galego e neste caso enfocado á exaltación da Ribeira Sacra, á súa viticultura, gastronomía e paisaxes, e tamén aos afiadores e ao seu idioma, “O Barallete”. “Un espectáculo cheo de paixón, sentimento, forza escénica, música Folk-celta, danzas, pirotecnia fría e moito lume”, como o define Queimán, quen defende “a transmisión da Historia a través das lendas da nosa cultura atlántica, homenaxeando aos netos de Breogán que deron orixe á primeira civilización de Europa; un espectáculo que promove o Camiño de Santiago no seu paso polo interior da provincia de Ourense e fai unha fusión entre declamación, música e danza”, afirma.  

Queiman e a súa compañía estrean esta posta en escena nun formato inédito: o pantalán de Santo Estevo, actuando desde un catamarán, mentres o público asiste ao espectáculo sentado na terraza do embarcadoiro, o que supón unha novidade xa que é a primeira vez que se fai un espectáculo destas características na Ribeira Sacra. 

O actor galego Queimán conta con máis de 20 anos de experiencia, como transmisor e defensor dunha cultura milenaria, a Atlántica. O espectáculo “Cabe no Sil” e estrearase o venres 25 de xuño, ás 22.30 horas, no embarcadoiro de Santo Estevo. O prezo das entradas é de 10 euros. O sábado 26 de xuño, ás 22:00 horas, o espectáculo representarase na praza da Igualdade, en San Xoán de Río. Está organizado pola asociación Cabe no Sil, e conta ademais coa colaboración da Xunta de Galicia, da asociación de empresarios Nogueira de Ramuín, Viajes Hemisferios, Seturs, e os concellos de Nogueira de Ramuín e San Xoán de Río.