Na entrega da XXXVI edición do Premio Antón Losada Diéguez en Moldes – Boborás Gañadores dos premios Losada Diéguez: Eva Veiga e Baldo Ramos en creación literaria e Andrade Cernadas e López Carreira en investigación
- Para o delegado territorial, xunto con Vicente Risco, Castelao, Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas ou Ramón Cabanillas, foi un dos exemplos dunha xeración que agrupaba aos considerados pais do galeguismo contemporáneo: a xeración Nós
- Gabriel Alén subliñou que Losada Diéguez, ideólogo do artellamento do grupo Nós, atraeu a numerosos intelectuais á causa galeguista e o seu creto procedía da conversación, do discurso e do intercambio epistolar
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, destacou a contribución do pensamento de Losada Diéguez á identidade galega, pois, segundo o delegado “posuía unha personalidade forxada e construída dende o compromiso coa dimensión internacional da cultura galega e a necesidade de ter unha voz propia no mundo baixo a batuta do pensamento aberto e integrador de Galicia”.

Así o manifestou o representante do Goberno galego no acto de entrega da XXXVI edición do Premio Antón Losada Diéguez, esta mañá na carballeira de Moldes, no concello de Boborás.
Para Gabriel Alén, xunto con Vicente Risco, Castelao, Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas ou Ramón Cabanillas, foi un dos exemplos dunha xeración que agrupaba aos considerados pais do galeguismo contemporáneo: a xeración Nós; capaces de artellar un espazo dende o que reivindicar a personalidade e a cultura de Galicia, a través do estudo científico e da creación para dotala dos folgos da Galicia de hoxe en día, e que sería imposible de imaxinar sen a súa contribución.
A forte influencia deste intelectual de Moldes que exerce nos compoñentes da Xeración Nós -segundo o delegado territorial- “non se produce unicamente a través dos seus escritos ensaísticos, o seu creto procedía da conversación, do discurso e do intercambio epistolar. Ideólogo do artellamento do grupo Nós e correspondente da Real Academia Galega, atraeu a numerosos intelectuais á causa galeguista, exercendo sobre eles un labor socrático, cunha extraordinaria capacidade de espertar conciencias e estimular talentos”.
Este señorito de pazo, moi relixioso, moi tradicional e culto, así o describía Otero Pedrayo, participou activamente no movemento agrario, ata o seu ingreso nas Irmandades da Fala, onde principia un prolífico labor de creación. Escribe Orientacións, Os camiños do agrarismo galego e A significación profunda do galleguismo, nos que amosa unha identificación básica cos postulados que naquel intre formulan os principais teóricos do nacionalismo, e moi especialmente, Vicente Risco, na defensa da entidade nacional do pobo galego.