O Obradoiro de instrumentos da Deputación súmase á homenaxe a Afonso X interpretando unha cantiga

Publicidade ASPADISI

O Obradoiro de instrumentos da Deputación de Ourense súmase á conmemoración do 800º aniversario do rei Afonso X gravando un vídeo no que interpreta a cantiga número 77, que o monarca dedicou a Galicia, segundo explica o director do Obradoiro, Manuel Brañas, “gravación na que se empregan instrumentos do Pórtico do Paraíso, todos eles construídos no Obradoiro”.

Os instrumentos empregados no vídeo son: salterio e Laúde (Pancho Álvarez), gaita (Manuel Brañas), arpa (Carlos Castro), zanfoña (Guillermo Brañas) e pandeiro (Olga Brañas). As Cantigas de Santa María, escritas en Galaico-Portugués, son unha das coleccións máis importantes da literatura medieval occidental, contando con máis de 400 cantos á Virxe María e salientando instrumentos musicais como zanfonas, salterios, laudes, cítaras, arpas e gaitas, entre outros. 

HIPER MASIDE

Con motivo da exposición que organizan a Deputación de Ourense e o Consello da Cultura Galega sobre os 800 anos do nacemento do rei Afonso X, o Obradoiro de instrumentos participa nesta mostra con varios instrumentos. unha rota, un organistrum do Pórtico do Paraíso da Catedral de Ourense e unha zanfona das Cantigas de Santa Maria. A exposición “Afonso X e Galicia”, que pode contemplarse no Centro Cultural Marcos Valcárcel ata o vindeiro 15 de agosto, explora a faceta humana e intelectual, así como a conexión de Afonso X con Galicia; permite achegarse á complexa e poliédrica figura de Afonso X, ás Cantigas de Santa María, como testemuño visual e sonoro da Idade Media galega e europea, aos instrumentos e á cultura galega da época.