Comunicado do Bng: “Celanova vai o esprinte cara outra peonalización chapuceira do goberno Puga”

Como se pode falar de humanizar o centro urbano cando o que se pretende e rodear o Mosteiro e a praza Maior con 500 prazas de aparcadoiros?”, cuestiona o portavoz nacionalista.  
• O BNG pedirá que se adíe a aplicación da medida e se convoque un proceso de participación no que a veciñanza toda poda informarse, opinar e propoñer alternativas.

 Sen consulta nin participación do conxunto da veciñanza, sen acordo cos grupos nin coas asociacións, sen exposición pública nin plan ningún nin encaixe nun proxecto de mobilidade para Celanova; ás présas, noutra carreira a cegas que en quince días pretende impoñer xa unha medida que nin se razoa nin se explica e que pon en evidencia o carácter rancio dun goberno local que nin escoita nin se preocupa de mirar como se implementan as políticas que afectan os usos das rúas e prazas públicas en calquera vila do país… así é o que o goberno de Antonio Puga anuncia estes días nun xornal e denomínao “unha peonalización do centro histórico”.

AVANTAR ACTIVIDADES

“Como se pode falar de humanización do centro urbano cando o que se presume é de “crear una gran área de estacionamiento a escasos 50 metros del espolón”, segundo publica o xornal, ou de que se sumarán 500 prazas de aparcadoiro e haberá unha área de 5.000 metros cadrados para coches nas Trigueirizas?”, cuestiona o portavoz do BNG, Leopoldo Rodríguez. “Que clase de humanización é esa que rodea con 500 vehículos a Praza Maior e o Mosteiro?”.

“Como se pode afrontar unha actuación coma esta sen ter informado aos grupos? Nós non fomos informados de nada, non vimos documento ningún, no pleno non se debateu nada… É un desprezo e unha falta de respecto polos grupos políticos que representan á veciñanza“, lamenta o portavoz do BNG.

 “O que están a propiciar é un gran aparcadoiro no centro e que os coches accedan en maior cantidade ao corazón mesmo da vila. É a lóxica centro comercial, ou simplemente están a meter tráfico cara unhas fincas ao carón do Mosteiro e da Praza”, valora Rodríguez.

ABRIR UN GRAN DEBATE SOBRE O USO DO ESPAZO PÚBLICO PARA CONSENSUAR UNHA HUMANIZACIÓN DE RÚAS E PRAZAS. O BNG preguntará ao goberno local polas condicións dos contratos cos propietarios das fincas nas que se van habilitar os aparcadoiros anunciados. E pide que se adíe a aplicación da medida e se convoque un proceso de participación veciñal para que os afectados (toda a veciñanza en canto usuaria do espazo público, non só comerciantes) poidan informarse, opinar e propoñer alternativas nunha posta en común.
“E isto non é porque non nos interese a humanización. Ao contrario; no BNG temos experiencia dabondo como partido de goberno e pioneiro nestas medidas en moitos concellos.

Podemos achegar ideas para facer unha humanización de verdade e para que o espazo público sexa ocupado prioritariamente pola xente, empezando polas propias veciñas e veciños. E a primeira idea é esta, que o proceso sexa aberto, democrático e se faga con tempo e paciencia”, conclúe Leopoldo Rodríguez.

O BNG de Celanova advertiu en xaneiro de 2020, antes da pandemia, da necesidade de abrir en Celanova un gran debate sobre o uso do espazo público e a mobilidade convocando a toda a veciñanza e actores sociais. O goberno local nin respondeu.

Meses despois, durante o desconfinamento, quedou en evidencia a incompetencia dos actuais xestores en cuestións de planificación e alternativas para o espazo público coa aplicación chapuceira –que enervou a moita veciñanza– do que deberá ter sido un principio de humanización.

Agora, sen mirar nin sequera como se fan as cousas en vilas e cidades do país que levan anos de dianteira en materia de humanización, o goberno municipal paga un estudo e ninguén se molesta en abrir un proceso participativo (como é práctica habitual en calquera actuación desta envergadura) e volve incorrer na imposición desde arriba de políticas públicas.