A Xunta anuncia a licitación da primeira fase do parque acuático de Monterrei que será “referencia en todo o noroeste da península”

---------------------------------------------------------------------------------------------------------
  • Terá un orzamento de preto de 5 millóns de euros, estará rematada no verán de 2022 e ocuparase dos accesos, os espazos infantís e a construción das novas piscinas
  • A segunda fase -río lento- estará rematada no verán de 2023 e a terceira e a cuarta fase -adrenalina e multiaventura- finalizará no verán de 2024

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, anunciou na mañá de hoxe a licitación das obras de construción da primeira fase do parque acuático no Complexo Lúdico Deportivo de Monterrei cun orzamento de preto de 5 millóns de euros (4.833.197,14 euros) distribuídos en dúas anualidades, 2021 e 2022. O anuncio foi publicado no día de onte na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Esta primeira fase do parque acuático encargarase de tres puntos principais como serán os accesos, os espazos infantís, así como as novas piscinas. Deste xeito levarase a cabo a “creación dunha nova zona de acceso e un aparcamento; un novo edificio de acceso, con vestiarios, zona de administración e oficinas; nova zona de xogos acuáticos para idade infantil; reformulación da zona das piscinas actuais, aproveitando os vasos existentes coa incorporación de novas funcionalidades e tobogáns; creación de novas zonas de lecer; así como a dotación de novas instalacións de saneamento e abastecemento”. No acto de presentación, o secretario xeral estivo acompañado polo delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén e tamén contou coa presencia do presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar e do alcalde de Pereiro de Aguiar, Luís Menor.

Segundo informou o secretario xeral, esta primeira fase terá unha duración estimada de 10 meses e lembrou que a empresa que resulte adxudicataria poderá reducir o prazo en dous meses. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 19 de xullo.

Lete Lasa lembrou a inauguración hai tres meses, da fase deportiva do Complexo Deportivo de Monterrei que incluiu a construción dun pump track indoor para bicicleta BTT e deportes urbanos, ademais dunha pista polideportiva descuberta, unha pista de tenis cuberta e outra descuberta, dúas pistas de pádel cubertas e outras dúas descubertas e a ampliación da cuberta da pista de atletismo.

Tras a posta en funcionamento desta primeira fase do parque acuático, que estará lista no verán de 2022, Lete Lasa informou que será a quenda da segunda, terceira e cuarta fase do parque acuático que neste intre atópanse en revisión técnica. A segunda fase -encargada do río lento- estará rematada no verán de 2023 e a terceira e a cuarta fase -que se ocuparán das zonas de adrenalina e multiaventura- finalizará no verán de 2024.

10 millóns de euros para un proxecto para toda a familia

O proxecto de reforma do novo Complexo Deportivo de Monterrei conta cunha zona deportiva e unha zona acuática como dúas partes diferenciadas e independentes. O orzamento total da actuación roldará os 10 millóns de euros e será cofinanciado ao 50% entre Xuntade Galicia e Deputación de Ourense. A actuación proxectada ten unha clara vocación de servizo ao público xeral, dirixida prioritariamente á xeneralización da práctica da actividade física saudable e da práctica deportiva e do ocio familiar. As novas instalacións permitirán ampliar a actual oferta deportiva e, sobre todo, acadar a súa desestacionalización dando servizo os 365 días do ano. Cómpre lembrar que durante a execución das obras poderanse utilizar en todo momento as instalacións xa existentes ou finalizadas.

O futuro parque terá en conta as posibilidades de lecer que rodean a este espazo e que forman parte do actual complexo mantendo a contorna natural, os espazos verdes e a vexetación existente, creando un lugar agradable para os seus visitantes. O complexo deportivo de Monterrei converterase deste xeito nunha referencia de adaptación ao medio e ao entorno natural que rodea o espazo e, por suposto, de sustentabilidade. A eficacia na xestión e a eficiencia enerxética serán aspectos fundamentais para obter unha instalación co maior rendemento social e económico posible.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------