O subdelegado do Goberno e a presidenta da SIEPSE visitan as instalacións da Unidade de Custodia Hospitalaria no CHUO

IES CHAMOSO LAMAS
  • A obra de adecuación foi financiada pola SIEPSE cun investimento de 346.884,87 euros, sen impostos engadidos.
  • Esta unidade permite a mellora da atención hospitalaria aos internos do centro penitenciario, así como do traballo dos sanitarios e dos axentes dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado encargados da súa custodia

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, e a presidenta da Sociedade de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios e da Seguridade do Estado (SIEPSE), Mercedes Gallizo Llamas, realizaron na tarde de hoxe unha visita ás instalacións da Unidade de Custodia Hospitalaria do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).

Durante a visita, estiveron acompañados polo xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, Félix Rubial; polo comisario provincial do Corpo Nacional de Policía, Juan Carlos Blázquez; e polo director do Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar, Francisco González.

HIPER MASIDE

O investimento total das obras da Unidade de Custodia Hospitalaria ascendeu aos 346.884,87 euros, sen impostos engadidos, financiados pola SIEPSE. As obras iniciáronse en xuño do ano 2020 e remataron no mes de febreiro do presente ano.

A presidenta da SIEPSE, Mercedes Gallizo, sinalou que as actuacións consistiron na adecuación dunha parte da planta primeira do CHUO para convertela nunha Unidade de Custodia Hospitalaria dos internos procedentes do Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar. As instalacións permitirán a acollida de internos que, como consecuencia dalgunha doenza que precisa internamento e que non pode ser tratada no edificio da enfermería do centro penitenciario, deben ser ingresados nun centro sanitario.

O subdelegado do Goberno, Emilio González, indicou que coa creación desta unidade permítese a mellora da atención hospitalaria aos internos do centro penitenciario, así como do traballo dos sanitarios e dos axentes dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado encargados da súa custodia.

Mercedes Gallizo explicou que esta Unidade de Custodia Hospitalaria consta dun total de catro habitacións dobres con baño incluído, dunha sala de control para o Corpo de Seguridade, aseo con ducha e vestiario para os axentes, sendo a superficie total de 218 metros cadrados.

A unidade conta con modernos sistemas de seguridade que permiten o control dos internos e das visitas, garantindo a máxima seguridade e independencia respecto ao resto de zonas do Complexo Hospitalario. En todo momento o enfermo está en comunicación co posto de enfermería e co posto de control das Forzas de Seguridade do Estado que o custodian.

A peculiaridade destas áreas de custodia hospitalaria fai que sexa preciso combinar a operatividade coa seguridade. O emprazamento da unidade dentro do hospital e os mínimos detalles precisos para a asistencia sanitaria son estudados pola SIEPSE co obxecto de que non interfiran no desenvolvemento da actividade cotiá do centro hospitalario, ao tempo que se garante aos internos contar con todas as asistencias sanitarias sen necesidade de ser trasladados a outras plantas.

Emilio González quixo agradecer a colaboración e o impulso dado a este proxecto dende a Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias, dende o Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar e dende a Xerencia Hospitalaria do CHUO. O subdelegado do Goberno sinalou que se trata dunha obra moi demandada, posto que a unidade existente anteriormente no Hospital Santa María Nai quedou fóra de servizo no ano 2017 co traslado ao novo edificio hospitalario.