O Psdeg-Psoe denuncia que os concelleiros non adscritos de Melón bloquean o desenvolvemento do municipio ao votar en contra de melloras en favor da veciñanza

Os socialistas critican que estes concelleiros primen os “intereses persoais por riba dos intereses da veciñanza”, tras votar en contra dunha operación de crédito para a mellora das luminarias

O alcalde, Emilio Luís Díaz, pregúntase se “esta é a forma coa que os señores Barba, Meiriño e Serrano pretenden defender o municipio, boicoteando e bloqueando o futuro do noso Concello e da veciñanza”

AVANTAR ACTIVIDADES

 O PSdeG-PSOE Melón denuncia que no pleno municipal celebrado o pasado venres, os concelleiros non adscritos volveron a votar en contra dos intereses da veciñanza de Melón, rexeitando a aprobación dunha operación de crédito para proceder ao cambio das luminarias e a mellora da instalación eléctrica en todo o municipio. O rexedor, Emilio Luís Díaz, carga contra os non adscritos aos que acusa de “ir en contra dos intereses da veciñanza e de Melón” e critica que para estes concelleiros díscolos “primen os intereses persoais por riba dos intereses do municipio”.

Ao pleno non acudiron ningún dos representantes do Partido Popular, nin a outra concelleira non adscrita, pero si o fixeron Ángel Barba, Miguel Ángel Meiriño e Cayetano Serrano que acudiron a sesión plenaria co único fin de “boicotear” unha subvención do IDAE e seguir pondo “trabas” ao desenvolvemento de Melón. A diferencia dos anteriores plenos extraordinarios, cando non apareceron na sesión ningún dos concelleiros e concelleiras, neste caso si o fixeron, pero tal e como explica Díaz “para volver a amosar que Melón e as súas xentes non lles importan absolutamente nada”.

O alcalde afirma que os concelleiros non adscritos alegaron que o seu voto en contra viña motivado en primeiro lugar por non ter acceso a documentación, algo que Díaz Vidal confirma que “é unha falsidade, pois a tiñan a súa disposición dende fai 6 días, concretamente dende o primeiro pleno extraordinario ao que non apareceron”. A outra alegación que fan é que non se fían do rexedor e no destino dos cartos, algo que Emilio Luís Díaz desmonta rapidamente ao explicar que “ao tratarse dunha subvención do IDAE os cartos non se poden destinar a outra cuestión, posto que estaríamos ante un delito de malversación de fondos públicos”.

O alcalde de Melón entende que estes concelleiros non adscritos “teñan animadversión e algo persoal contra min, pero non se entende que bloqueen e vaian en contra de melloras para o Concello de Melón e a súa veciñanza”. O rexedor tamén se pregunta se “esta é a forma coa que os señores Barba, Meiriño e Serrano pretenden defender o municipio, boicoteando e bloqueando o futuro do noso Concello”. Emilio Luís Díaz tamén afirma que as súas alegacións “rebátense soas” e pídelles a estes concelleiros que “deixen de mirar para o seu embigo e se poñan a traballar dunha vez polos intereses da veciñanza”.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense amosan o seu “apoio total e incondicional” ao rexedor, afirmando que estes concelleiros “deberían pensar un pouco máis nos intereses de Melón, en lugar dos seus intereses persoais”. Os socialistas ourensáns critican que estas persoas “bloqueen de xeito sistemático o futuro dun concello que o pasado mes de maio de 2019 decidiu rematar coas políticas caciquís e clientelares do Partido Popular e no que se abría un período de esperanza para un desenvolvemento municipal que estes non adscritos queren bloquear aliándose cos populares”.