A Xunta informa a pemes e autónomos dos apoios de ata 3.000€ para implantar medidas de protección fronte á covid-19 nos seus establecementos

  • O director do Igape, Juan Cividanes, e a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participaron nun encontro coas tres principais asociacións de comerciantes de Santiago para informar dos novos programas Reactiva Comercio e Servizos Seguros
  • Estas liñas contan con 16M€ para o comercio, o turismo, os servizos e o transporte, e apoian medidas novas ou xa realizadas desde a declaración do estado de alarma
  • As axudas poden destinarse á adquisición de equipos de protección, a adaptación dos espazos, a realización de obras e a posta á disposición de información para os clientes

O director do Igape, Juan Cividanes, e a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, destacaron o compromiso que están a demostrar os establecementos comerciais galegos, e en xeral os autónomos e as pemes, coa reactivación económica e a protección da saúde de clientes e traballadores. Durante a videoconferencia na que se reuniron esta mañá con comerciantes e na que participaron tamén os presidentes das asociacións de comerciantes composteláns Compostela Monumental, Santiago Centro e Comercio Punto Compostela, informaron das novas liñas de axudas Reactiva Comercio e Servizos Seguros, que vén de poñer en marcha a Xunta para facilitar á volta á actividade dos sectores do comercio, o turismo, os servizos e o transporte, en condicións de confianza para os consumidores.

Como subliñou o director do Igape, estas dúas iniciativas dotadas con 16 millóns de euros, nas que colaboran as consellerías de Economía, Emprego e Industria; Cultura e Turismo (no marco do plan Galicia destino seguro); e Infraestruturas e Mobilidade, teñen como obxectivo cubrir os gastos realizados para a adquisición de equipos de protección individual e de desinfección; a adaptación dos espazos con equipamento de seguridade e redución do contacto entre persoas; a realización das obras de renovación, limpeza e ventilación do aire; e a posta á disposición dos clientes de información relativa ás medidas hixiénicas e de protección.

AVANTAR ACTIVIDADES

No encontro, a directora xeral de Comercio e Consumo fixo fincapé en que os Reactiva Comercio e Servizos Seguros serven tanto para atender aos gastos das medidas que se implanten agora como as xa realizadas desde a declaración do estado de alarma. E lembrou que mediante unha tramitación rápida e sinxela -que inclúe a achega de anticipos no momento da resolución favorable da axuda pola metade da contía dos investimentos realizados-, autónomos, pemes e entidades de economía social poden solicitar os apoios ata o vindeiro 31 de xullo.

Así, os establecementos comerciais, empresas do sector turístico e salóns de peiteado de menos de 10 traballadores poden obter apoios polo 100% das medidas activadas, desde 300 a 1200 euros. Por outro lado, as pemes de menos de 50 traballadores tanto destes sectores como do transporte, os servizos e as actividades profesionais poden beneficiarse de apoios directos do 80% do custo nas medidas de seguridade precisas, desde un mínimo de investimento de 1500 euros ata un máximo de 3750, sendo polo tanto a axuda máxima de 3000 euros.

Para facilitar a xestión, os solicitantes das axudas de calquera das dúas liñas terán a posibilidade de utilizar o Igape Responde, a xanela única de consulta habilitada pola Xunta para asesorar a autónomos e pemes sobre as liñas postas en marcha para impulsar a reactivación da actividade empresarial e comercial, dispoñible no correo electrónico igaperesponde@igape.es e no teléfono gratuíto 900 815 151.

Vázquez destacou ademais que a Xunta mantén á disposición de calquera negocio a plataforma gratuíta de autodiagnóstico online dispoñible no enderezo web comerciosegurogalicia.gal, coa que autónomos e pemes pode obter unha análise do seu nivel de preparación fronte ás necesidades de prevención e planificar as medidas que se deben acometer.

Esta ferramenta ofrece recomendacións sanitarias e de prevención e claves para garantir seguridade e confianza á clientela na volta á actividade. Coa presentación das solicitudes para acollerese ás axudas dos reactiva Comercio e Servizos Seguros, os solicitantes dos sectores do comercio, os servizos, o transporte e as actividades profesionais deben presentar o informe de autodiagnóstico que proporciona esta plataforma.