Gabriel Alén salienta as medidas preventivas da Xunta contra os incendios forestais

Na visita desta mañá á CMVMC de Alberguería no concello de Laza

  • Gabriel Alén destacou que na provincia de Ourense estanse a construír 52 novos puntos de auga, que fan un total de 222 novos depósitos en toda Galicia por un importe de máis de 2,2 millóns de euros
  • O delegado territorial lembrou que esta Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Alberguería é unha das beneficiarias da segunda fase do plan de pastos de Galicia que permitirá poñer en valor un total de 30 montes veciñais pertencentes a 24 concellos galegos
  • O representante do Goberno galego subliñou que os concellos beneficiados na provincia de Ourense serán os da Veiga, Allariz, Xunqueira de Espadañedo, Lobeira, Laza, Maceda, Vilariño de Conso e O Irixo, que suman un total de 178 hectáreas

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado do alcalde de Laza, José Ramón Barreal, e o presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Alberguería, Manuel Salgado, supervisou esta mañá a construción do novo punto de auga que servirá para a carga de auga de helicópteros e motobombas, e no que a Consellería do Medio Rural inviste máis de 12.000 euros.

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial destacou que na provincia de Ourense, estanse a construír 52 novos puntos de auga, que fan un total de 222 novos depósitos en toda Galicia por un importe de máis de 2,2 millóns de euros.

Gabriel Alén sinalou que a construción destes novos depósitos enmárcase na liña de axudas que anualmente saca a Consellería do Medio Rural para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e en sociedades de fomento forestal (Sofor). Así, a orde contempla dúas liñas de actuacións, por unha parte subvencións para o control selectivo de combustible e, por outra, a construción de puntos de auga. Entre ámbalas dúas liñas suman axudas a 63 concellos da provincia nos que se vai investir preto de 3M de euros.

Ademais, lembrou o delegado territorial, no marco do Plan Preventivo de Galicia 2021, a Xunta está a levar a cabo o mantemento dos case 4.000 puntos de auga que están repartidos estratexicamente pola xeografía galega, co fin de estar nas mellores condicións ao inicio da tempada de alto risco,que comeza o vindeiro 1 de xullo.

Plan de pastos de Galicia

O delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, tamén lembrou que esta Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Alberguería é unha das beneficiarias da segunda fase do Plan de pastos de Galicia, que permitirá poñer en valor un total de 30 montes veciñais pertencentes a 24 concellos galegos. Neste caso,  actuarase sobre 34,06 hectáreas ás que a Consellería do Medio Rural destinará unha partida de preto de 164.000 euros.

O investimento programado en Galicia achégase aos 4 millóns de euros e a superficie da actuación roldará as 744 hectáreas, das que case 178 corresponden ao territorio de Ourense. Neste caso, os concellos beneficiados desta provincia son os da Veiga, Allariz, Xunqueira de Espadañedo, Lobeira, Laza, Maceda, Vilariño de Conso e O Irixo.

Neste senso, Gabriel Alén lembrou que este plan busca promover un mellor aproveitamento dos recursos naturais para traballar na anticipación aos incendios forestais e para garantir a rendibilidade das explotacións, ao facilitarlles máis base territorial e proporcionarlles novas ferramentas para xerar oportunidades de riqueza no rural. Ademais, o delegado territorial sinalou que, no marco da nova Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, é preciso converter o rural galego nun territorio resistente aos incendios forestais mediante a instalación de actividades económicas como, neste caso, a gandaría en extensivo e outras iniciativas que permitan anticiparse aos lumes, como poden ser os distintos instrumentos de mobilización de terras que ofrece esta norma.

Ademais, o representante do Goberno galego sinalou que na primeira fase do plan tamén se executaron na provincia de Ourense pastos en Beariz (case 17 hectáreas), Ramirás (13 hectáreas), Sarreaus (88 hectáreas), Montederramo (34 hectáreas) e Paderne de Allariz (algo máis de 9 hectáreas). En total, máis de 182 hectáreas na provincia incluíndo a superficie da intervención en Lucenza e unhas 560 hectáreas en toda Galicia, cun investimento total de 2,3 millóns de euros.