Médicos de toda España daranse cita no Marcos Valcárcel nas V Xornadas de Medicina Rural

Na presentación desta cita médica, á que acudirán máis de 200 profesionais de medicina familiar e comunitaria, o vicepresidente da Deputación Rosendo Fernández agradeceu a elección de Ourense como sede por ser “unha provincia de connotacións especiais para os médicos de familia” 

Ourense, 28 de outubro de 2021.- O Centro Cultural Marcos Valcárcel acollerá os días 5 e 6 de novembro as V Xornadas de Medicina Rural organizadas por especialistas de Atención Primaria da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, que baixo o lema “Retomando o Camiño” reunirá a 240 profesionais de medicina familiar e comunitaria de todos os servizos de saúde de España para afondar na resposta a problemas comúns no medio rural, non só sanitarios senón tamén de infraestruturas e servizos e como afectan á asistencia sanitaria. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Unha cita de carácter nacional da Sociedade Española de Medicina Familiar e Comunitaria (SEMFYC) presentada hoxe no centro cultural coa presenza do vicepresidente da Deputación Rosendo Fernández; as presidentas do comité organizador e científico, Cristina Margusino e Trinidad Gamarra; a directora de procesos asistenciais da area sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Mar Vázquez; e Laura López xefa territorial de Sanidade en Ourense. 

Rosendo Fernández agradeceu ao comité organizador a elección de Ourense como sede destas xornadas, “unha provincia de connotacións especiais para os médicos de familia que traballan no rural xa que 91 dos 92 concellos ourensáns teñen menos de 20.000 habitantes e a maioría teñen entre 1.000 e 5.000”, subliñando tamén a necesidade deste tipo de iniciativas de actualización “en tanto que ciencia médica é unha aprendizaxe continua”. 

Cristina Margusino destacou problemas como comunicacións ou transportes, habituais no medio rural de todo o estado, que afectan aos pacientes á hora de acudir a consulta, ou a realizar unha proba diagnóstica no centro de saúde ou hospital, mentres que Mar Vázquez destacou o uso cada vez maior que fan os profesionais das tecnoloxías da información, o que permite “combinar atencións presenciais e telefónicas para  levar  a medicina rural ao máximo nivel de calidade”. Trinidad Gamarra sinalou entre tanto que a principal novidade do encontro en Ourense será a celebración de obradoiros prácticos