A Xunta estuda colaborar na integración paisaxística de Alvite, en Beariz

A Xunta de Galicia estudará colaborar co Concello de Beariz para seguir avanzando na mellora e na integración paisaxística do núcleo rural de Alvite, unha aldea singular que nos últimos anos experimentou un importante desenvolvemento desde o punto de vista social, demográfico e turístico grazas aos investimentos realizados para impulsar a súa recuperación.

Así o acordaron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o rexedor, Manuel Prado, no transcurso dunha reunión que mantiveron recentemente para abordar este e outros asuntos de interese municipal.

AVANTAR ACTIVIDADES

Cómpre lembrar que nos últimos anos a aldea de Alvite tamén foi obxecto de dúas actuacións urbanísticas importantes cofinanciadas pola Consellería e o Concello a través do Plan Hurbe e co obxectivo común de humanizar e acondicionar espazos de uso público, concretamente unha rúa e unha praza.

A intención do Goberno local, segundo explicou o alcalde, é seguir intervindo nesta zona a través de diferentes tipos de actuacións que contribúan á súa posta en valor e eliminen e corrixan os posibles impactos paisaxísticos existentes.

A este respecto, Ángeles Vázquez valorou a proposta municipal e avanzoulle que, precisamente, o seu departamento está ultimando unha nova orde de axudas dirixida ás entidades locais para mellorar a contorna paisaxística tanto en núcleos de poboación como en zonas rurais ou naturais. A convocatoria está prevista para este mesmo ano, polo que animou ao rexedor a acollerse a ela co fin de intervir sobre edificacións ou elementos etnográficos de titularidade municipal localizados en Alvite.

Esta nova liña de axudas comparte a mesma filosofía que o programa de subvencións a particulares para emendar impactos paisaxísticos en inmobles e vivendas, que se convocou por primeira vez o pasado abril cun orzamento inicial de 1 millón de euros.


VIDEO SPOT BEARIZ en BADAL TV