Manuel Baltar: “Hoxe falamos de empezar a renovarnos para seguir facendo Galicia todos os días con Feijóo á cabeza”

Na súa intervención ante o plenario do congreso, Baltar puxo de relevo a obriga de afrontar esta renovación “para facer fronte a dous importantes retos, un incerto como a data das próximas eleccións xerais, que levarán a Pablo Casado ao goberno de España coa forza dos populares de Galicia, e un certo como no 28 de maio de 2023 se celebrarán as próximas eleccións locais, para as que queda moito traballo por facer e moitos retos por fixarnos”

O presidente provincial, que presumiu “dun Feijóo ourensán que no 2002 empezou a súa traxectoria no partido como membro do comité executivo do PP de Ourense”, subliñou que “vimos a votar, e votar significa elixir, e eliximos ao mellor presidente que tivo e pode ter Galicia, porque Feijóo é fiabilidade, credibilidade e xestión”

AVANTAR ACTIVIDADES

“Hoxe falamos de empezar a renovarnos para seguir facendo Galicia todos os días con Feijóo á cabeza, mantendo a aposta ideolóxica polo centrismo, o reformismo e o galeguismo, que é onde están todas as respostas”, afirmou o presidente provincial do Partido Popular de Ourense durante a súa intervención ante o plenario do 17º Congreso do PPdeG, que esta mañá proclamou por quinta vez como presidente a Alberto Núñez Feijóo.

Baltar puxo de relevo a obriga de afrontar esa renovación para dar resposta ás novas demandas da sociedade, “pero tamén para facer fronte a dous importantes retos, un incerto como a data das próximas eleccións xerais, que levarán a Pablo Casado ao goberno de España coa forza dos populares de Galicia, e un certo como que faltan 679 días para o 28 de maio de 2023, día no que se celebrarán as próximas eleccións locais, e aínda que temos moito conseguido tamén queda moito traballo por facer e moitos retos por fixarnos”.

O presidente provincial, que presumiu “dun Feijóo ourensán que no 2002 empezou a súa traxectoria no partido como membro do comité executivo do PP de Ourense”, subliñou que “vimos a votar, e votar significa elixir, e eliximos ao mellor presidente que tivo e pode ter Galicia, porque Feijóo é fiabilidade, credibilidade e xestión”.

Con xa presidente do PPdeG, “todos fomos capaces nestes anos de conseguir grandes victorias electorais e unha forte implantación nunha Galicia mariñeira, labrega, innovadora, tecnolóxica, do emprendemento, dos nosos maiores e dos máis novos, con 1.753 concelleiros e concelleiras, 42 parlamentarios en Santiago, dez deputados no Congreso, 13 senadores e un eurodeputado, porque Galicia tamén ten que ter o seu peso en Europa, e fixémolo cos que estiveron antes, cos que están agora e cos que estarán despois, e nesta renovación reside a forza do PPdeG, que é a forza de Galicia”.

“Nós ao noso, que é traballar”, engadiu, para pór de relevo que “políticamente non temos nada enfrente, só un BNG que no século XXI segue declarándose marxista leninista cos seus rancios postulados ideolóxicos, e cun PSOE que non ofrece respostas nin a nivel local, nin provincial, autonómico ou nacional, con históricos dirixentes como Felipe González que se declara militante pero non simpatizante deste PSOE”.

Manuel Baltar referendou a aposta renovadora do partido lembrando no seu discurso á xeración Nós para citar un artigo publicado en 1922 por Antón Losada Diéguez, no que afirmaba que “temos a obriga de rexuvenecer a nosa actividade, e do renacemento de todos os días depende o triunfo do noso ideal”.