Bng de Ribadavia: “Lamentamos un novo paso cara a supresión do tren por Ribadavia”

Desde o luns 19 os trens que fan o percorrido entre Vigo e Madrid van deixar de circular pola chamada vía do Miño, que desde 1881 une Vigo e Ourense pasando por localidades como Ribadavia. Os trens entre o sur galego e o interior da Península deixan de circular pola vía Vigo-Ourense para facelo polo corredor atlántico entre Vigo e Santiago e continuar cara Ourense.

Xa manifestamos desde o BNG  que se trata dunha decisión ineficiente e inxusta que deixa a liña do Miño aínda máis abandonada do que xa estaba. Só se vai manter no tráfico de pasaxeiros unha frecuencia diaria de tren rexional pola vía do Miño pero á que non cabe augurar gran futuro.

AVANTAR ACTIVIDADES

Xa non vai ser posible ir de Ribadavia a Ourense en tren e regresar na mesma xornada. Pois este único tren diario que vai circular desde Vigo a Ourense parará en Ribadavia ás 16:14 horas, mentres que o único tren diario desde Ourense a Vigo parará en Ribadavia ás 11:54.

Esta realidade vai contra o transporte público, contra as comarcas rurais do interior galego e só vai provocar unha menor utilización do transporte ferroviario, un maior abandono no mantemento da vía e como paso último deste círculo vicioso, o peche do tren de pasaxeiros e con elo da estación de Ribadavia.

Non aceptamos esta decisión, a única medida que se ten que tomar é a reposición dos trens que circulaban antes da pandemia e modernizar a vía férrea entre Vigo e Ourense, para facer dela unha liña do século XXI.