O Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde estrea un laboratorio rural de economía circular

Esta infraestrutura, creada no marco do proxecto europeo Interreg V-A “Circular Labs – Promovendo o espírito empresarial para a economía circular”, nace con vocación de “axudar aos produtores e que sirva de revulsivo cara á necesaria transformación do sector primario para unha optimización na xestión de recursos”, afirmou Rosendo Fernández

Ourense, 23 de novembro de 2021.-O Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde, en Xinzo de Limia, estreou hoxe o laboratorio rural de economía circular, creado no marco do proxecto europeo Interreg V-A “Circular Labs – Promovendo o espírito empresarial para a economía circular”. O obradoiro inaugural deste novo espazo tivo lugar hoxe, no marco das actividades de economía circular que centran a programación desta última xornada da “Mobile Week Ourense”. No acto participou o presidente e a xerente do Inorde, Rosendo Fernández e Emma González, respectivamente; xunto ao técnico do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro, Servando Álvarez.

AVANTAR ACTIVIDADES

Esta laboratorio rural nace co obxectivo de “axudar aos produtores e que sirva de revulsivo cara á necesaria transformación do sector primario para unha optimización na xestión de recursos e, todo elo, de xeito sinérxico cos labores que xa desempeña o propio Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro”.

Esta nova infraestrutura, dotada de maquinaria que se poñen a disposición dos produtores da provincia, estará aberto a todos os interesados que presenten unha proposta ou un proxecto de negocio que estea claramente vencellado coas estratexias de economía circular. Ademais, valorarase positivamente a inclusión nas mesmas de produtos endóxenos, perseguindo con isto a necesaria conservación da biodiversidade.

O Inorde pretende, como socio do proxecto “Circular-Labs”, “pechar o círculo dun sector primario competitivo, moderno e, por suposto, totalmente respectuoso co medio ambiente, mediante o impulso daquelas iniciativas que procuren  produtos, técnicas e procesos baseados na filosofía da economía circular. Entendida esta filosofía como unha ferramenta encamiñada a dinamizar o sector grazas ao aproveitamento integral de recursos, a minimización de materia prima e a optimización enerxética”, sinalou o presidente do Inorde.

O Inorde, no seu labor de desenvolvemento do sector primario, achega desde o Centro de Desenvolvemnto Agrogandeiro asesoramento e asistencia técnica, tanto a nivel de agricultura-forestal como de gandaría. “Un traballo constante e continuado ao longo de xa fai máis de vinte anos, tentando dotar aos principais artífices do sector (os agricultores e gandeiros), de novas ferramentas, modernas e tecnificadas que os axuden a facer fronte ás novas esixencias que os mercados lle requiren”, lembrou Rosendo Fernández.

Ao fío disto, cabe destacar que o Observatorio Económico Ourensán no seu estudo sobre o impacto da crise do Covid-19, avalou que neste período creceu o número de empresas un +3,40% e traballadores un +1,77% no sector primario, unha situación que non se produce en Galicia nin en España. En definitiva, durante a primeira ola da pandemia o sector primario en Ourense foi o que máis resistiu.

O proxecto “Circular Labs – Promovendo o espírito empresarial para a economía circular” no espazo ibérico está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020. No proxecto participan, ademais do Inorde, a Fundación EOI, a Fundación Patrimonio Natural de Castela e León, Deputación de Ávila, Concello de Valladolid, Universidade de Salamanca, Fundación Paideia Galiza, MAIEUTICA-Cooperativa de Ensino Superior – Maia, Instituto Politécnico de Bragança, ADITEC: Asociación Para o Desenvolvemento e a Innovación Tecnolóxica. Porto e o Municipio de Montalegre.

Mobile Week Ourense

Trala xornada inaugural do Laboratorio Rural de Economía Circular, á que acudiron pequenas empresas da provincia interesadas nesta nova infraestrutura, celebrouse un taller que baixo o título “Dixitalización, Sustentabilidade e Economía Circular”, estivo dirixido a produtores locais para a elaboración de packaging con impresoras 3D. Esta actividade pretendía que os asistentes pensasen en novos formatos orientados ás necesidades do mercado actuais, para xerar novas oportunidades comerciais.