A Delegación do Goberno en Galicia informa dos medios despregados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (MITECO) durante a fin de semana para apoiar as tarefas de extinción do incendio declarado no concello de Carballeda de Valdeorras, na provincia de Ourense.

Ao longo das xornadas do sábado e do domingo, o MITECO desprazou ata Carballeda de Valdeorras a Brigada de Especialistas de Extinción (BRIF) helitransportada por dous helicópteros cada un con capacidade para 1.500 litros dende a base de Laza (Ourense); persoal e un helicóptero de transporte e extinción da BRIF de Tabuyo del Monte (León); tres avións anfibios procedentes das bases de Labacolla (A Coruña) e Rosinos (Zamora); e un avión de coordinación e observación (ACO), utilizado en tarefas de vixilancia, transmisión de imaxes e observación do incendio, que viaxou dende a base de León.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, lembrou a colaboración e o compromiso do Goberno de España na loita contra a lacra dos incendios forestais e fixo un chamamento “a extremar as precaucións e minimizar o risco de propagación de lumes na nosa comunidade, en especial nesta época de calor extremo e escaseza de choivas”.

Publicidade