O Psdeg-Psoe de Ourense reclamará á Deputación que adopte medidas “reais e efectivas” para equiparar ás persoas menores en acollemento familiar

O deputado Álvaro Vila destaca que se trata dunha “problemática que queremos pór en valor” e subliña que nos últimos anos “aumentou o número de crianzas en acollida e as familias seguen a ser escasas”

Rafa Villarino sinala que “pretendemos Xunta e Deputación colaboren para considerar aos rapaces e ás rapazas que están en acollida como rapaces con familia a todos os efectos, sen que exista discriminación”

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 22 de xullo de 2021. O PSdeG-PSOE reclamará á Deputación de Ourense que adopte medidas “reais e efectivas” para “equiparar” ás persoas menores de idade en acollemento familiar. Os socialistas defenden outorgarlles a consideración de fillo ou filla natural durante o período de convivencia, xa que isto suporía o acceso, en igualdade de condicións, a servizos como ludotecas, bolsas, campamentos ou actividades deportivas, así como á redución de impostos. “Queremos acabar cunha discriminación que crea problemas innecesarios ás familias”, sinalan antes de recordar que “xa están en funcionamento medidas similares en concellos de Galicia e do resto de España”.

Dende o grupo provincial socialista instan á Deputación de Ourense a incorporar o ítem “familia colledora” ou “crianza en acollida” nos impresos e modelos das súas áreas de xestión, configurando medidas que apoien “positivamente” a estas familias e menores. Tamén lle solicitan ao ente provincial que considere ás familias acolledoras de “especial protección”, aplicando medidas de “discriminación positiva” que faciliten a vida comunitaria a nivel local das persoas e acollen e das acollidas. Os socialistas tamén fan fincapé na necesidade de que a Deputación valore a posibilidade de ofrecer formación básica ou avanzada o seu persoal, que se elabore un rexistro provincial de familias acolledoras de carácter voluntario, que se aproben axudas para estas familias ou que se poña en práctica medidas para divulgar e sensibilizas sobre o acollemento familiar.

O deputado provincial e alcalde de Taboadela, Álvaro Vila Araújo, destaca que se trata dunha “problemática que queremos pór en valor” e subliña que nos últimos anos e a raíz da pandemia “aumentou significativamente o número de crianzas que necesitan estar en acollida e sen embargo as familias continúan a ser escasas para atender a demanda”. O deputado provincial tamén puxo o foco en que Ourense é a única das catro provincias galegas na que a Xunta de Galicia sigue un criterio diferente coa acollida permanente, xa que tal e como indica “unha vez rematan os dous anos de acollida permanente, as crianzas pasan a un centro institucionalizado da Xunta e non poden seguir cunha familia, que creemos que é o entorno máis adecuado para estes rapaces e rapazas”.

Vila pídelle á Xunta de Galicia que “mude” este criterio e solicítalle a Deputación de Ourense que tome medidas en “positivo para que se recoñeza dende o primeiro momento que un neno en acollida sexa considerado fillo natural ou adoptivo”. O deputado socialista tamén pide que se conceda “axudas” para estas familias de acollida que como relata “fano de xeito altruísta” e sinala que “agardamos acada o apoio unánime da corporación”.

Pola súa banda, o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, sinalou que esta moción pretende que Xunta e Deputación “colaboren para considerar aos rapaces e ás rapazas que están en acollida como rapaces con familia a todos os efectos, sen que exista discriminación en impresos ou axudas”. O voceiro provincial dos socialistas ourensáns considera que isto sería “moi positivo tanto para as familias, que manifestan experiencias moi satisfactorias, e tamén para os rapaces e rapazas, que senten deste xeito que teñen unha familia que os acolle e supón un apoio e unha vida familiar moi diferente a que viven nos centros”.

Para Rodríguez Villarino esta moción supón “unha opción de futuro para que as administracións públicas de Ourense sigan o camiño dos países máis avanzados, onde un papel esencial para o desenvolvemento como persoas e formar parte dunha familia e sentir a súa calor”. Tamén subliña que agarda un apoio “unánime” e que a Deputación en caso de aprobarse a moción “cumpra cos acordos”.