O Psdeg-Psoe solicita solucións “urxentes” para a caótica reorganización do tráfico posta en marcha polo bigoberno en Marcelo Macías e no entorno da estación

Os socialistas censuran a falta total de previsión e ausencia de diálogo coa veciñanza por estes cambios que están a producir “importantes molestias” tanto no barrio da Ponte como no da Carballeira

Publicidade

Lamentan o “reiterado bloqueo” á oposición e a “falta de transparencia” de Jácome e Ucha, ante as múltiples solicitudes e informes requiridos sobre os cambios de sentido do tráfico

 O PSdeG-PSOE de Ourense solicita solucións “urxentes” para a caótica reorganización do tráfico posta en marcha polo bigoberno do Partido Popular e do alcalde Gonzalo Pérez Jácome en Marcelo Macías e na contorna da estación Empalme. Os socialistas censuran a falta total de previsión e ausencia de diálogo cos veciños e coas veciñas de ambas zonas e tamén cos diferentes colectivos afectados por estes cambios que están a producir “importantes molestias” tanto no barrio da Ponte como no da Carballeira.

Esta semana, coincidindo coa apertura ao público da praza da Estación Empalme e tamén coa recta final das obras da rúa Marcelo Macías, os socialistas puideron comprobar a “desastrosa e calamitosa” reorganización do tráfico das dúas contornas por parte do actual equipo de goberno municipal. Cabe lembrar que o Concello de Ourense é o organismo competente da regulación do tráfico, a pesar de que as obras executadas foron responsabilidade doutras administracións.

Dende o Grupo Municipal Socialista apuntan a que levan moito tempo “advertindo desta situación por motivo de decisións erróneas e unilaterais”. Trátase de dúas vías moi importantes de acceso e mobilidade na cidade e que soportan un gran fluxo de tráfico e saíde de vehículos, tanto particulares como de transporte público.

No caso dos problemas do tráfico no barrio da Ponte, os socialistas lembran que é un caso que levan “moito tempo” denunciando e é froito do “pendello” de estación de autobuses levada a cabo polo PP. Dende o PSdeG-PSOE denuncian que cunha nova terminal cun alto fluxo de autobuses por unha vía como Eulogio Gómez Franqueira “requiríase dunha complexa reorganización en materia de tráfico que non se produciu”. Tamén apuntan que na apertura ao público desta nova terminal, “solicitamos numerosas xuntas de áreas aos informes da policía local que ratificaban a idoneidade no cambio de sentido e acceso as rúas perpendiculares á estación Empalme, a día de hoxe non nos foi facilitado aínda”.

O PSdeG-PSOE de Ourense acusa a Jácome e Ucha de “descoordinación e pasotismo” ante as “graves” deficiencias de mobilidade e accesibilidade. Acusan ao goberno municipal de “non facer os deberes e colocar solucións transitorias a problemas como a saída de taxis da estación, sen visibilidade, nin posibilidade de xiro a esquerda”. A prohibición deste xiro e a presencia dunha liña continua en toda a rúa Eulogio Gómez Franqueira obriga aos taxistas a dar a volta na rotonda a carón do Rías Baixas o que “encarecerá de xeito considerable” as viaxes en taxi.

Por este motivo e pola “gran afección” que supón para o barrio da Ponte e a súa veciñanza, para taxistas e transporte público, e para os usuarios e turistas que teñen que acceder á actual Estación Empalme, “pedimos que á maior brevidade posible esta nova regulación en materia de tráfico sexa modificada e consensuada polo bipartito PP-DO, para conseguir unha solución integral e axeitada para unha das zonas clave de desenvolvemento da cidade, agora e no futuro”.

No relativo a rúa Marcelo Macías, os socialistas tamén apuntan a que solicitaron en varias xuntas de área os informes emitidos pola policía local en relación coa reorganización do tráfico na vía. Sinalan que son “coñecedores da problemática veciñal” en canto acceso a entrada e saída de garaxe e desvío a outras rúas colindantes. Denuncian que ata día de hoxe “non se proporcionou ningunha información e decidiuse nos últimos días o pintado da liña continua a través de toda a rúa, co agravio que supón”.

Por este motivo, o Grupo Municipal Socialista solicita que se fagan “públicos” todos os da policía local emitidos ao respecto da nova regulación do tráfico na rúa Marcelo Macías e se “tomen todas as medidas necesarias para solucionar esta situación”. Os socialistas tamén lamentan o “reiterado bloqueo á oposición e falta de transparencia de Jácome e Ucha” ante as múltiples solicitudes e informes requiridos e sen resposta.