O BNG demanda unha planificación política patrimonial para Ourense

Bernardo Varela  denuncia o desleixo da Xunta de Galiza ante o  patrimonio de Ourense, carente dunha planificación política patrimonial tal como manifestou o Icoms.

Publicidade

O voceiro do grupo provincial do BNG de Ourense, Bernardo Varela, compareceu en rolda de prensa xunta a Iago Tabarés, deputado do parlamento de Galiza, para anunciar que  proporá ao pleno provincial demandar da Xunta de Galiza unha planificación patrimonial acorde á realidade dunha Provincia como a de Ourense, que é a provincia cun maior número de elementos patrimoniais do País e a segunda do Estado. “Nestes intres a Xunta carece dunha planificación política patrimonial tal como puxo de manifesto o  Icomos co seu demoledor informe para denegar a integración da Ribeira Sacra na Lista do Patrimonio  Mundial.” afirma o voceiro do BNG.

 O Voceiro nacionalista demandará que a Xunta de Galiza deseñe coordinadamente co ente provincial un proxecto global e sostíbel de xestión do patrimonio, para a protección dos elementos patrimoniais da provincia. Ademais, indica Varela, demandaremos que se priorice o coñecemento e valorización do patrimonio sobre criterios turísticos, aínda  que poidan ser complementarios e coa conseguinte partida para estes fins nos Orzamentos da Xunta para o ano 2022 e seguintes.

Desde o grupo nacionalista, tamén poñen de manifesto unha serie de problemáticas que se perpetúan no tempo e que ameazan o noso patrimonio. Desde actuacións agresivas das propias administracións, ao abandono, o bandalismo e  mesmo a prevalencia de intereses económicos sobre a conservación do patrimonio. Sen esquecer que en pouco menos de 50 anos a provincia perdeu 200.000 habitantes, unha realidade demográfica na que o despoboamento xera un auténtico problema para a conservación do patrimonio, se temos en conta o importante peso que desde sempre tivo a veciñanza no seu coidado.

 O voceiro do BNG sinalou diferentes exemplos de ameazas ou deterioros de patrimonio na provincia, como o caso do polideportivo ao carón do mosteiro de Melón, o Albergue no entorno do Mosteiro de Oseira, os futuros eólicos no monte da Casa da Neve de Celanova, ou a situación do patrimonio na cidade de Ourense. Varela tamén sinalou que a provincia de  Ourense triplicou desde 2018 o número de monumentos en ruínas que constitúen a “lista Vermella” da asociación “Hispania Nostra”.

 Ante esta realidade o BNG demanda unha batería de medidas que abranguen desde a concienciación, comezando polos máis cativos, instando á Xunta de Galiza a elaborar e poñer en funcionamento un plan pedagóxico patrimonial escolar “para que o coñecemento, o coidado e o que representa o patrimonio forme parte dos principios educativos das nenas e nenos.” di Varela. Até un programa de concienciación a cargos públicos e entidades veciñais.

 A consolidación e a rehabilitación do patrimonio,  nun territorio que non deixa de engrosar listas e “rankins” con patrimonio en risco grave de deterioro,  tamén están entre as propostas do BNG. “A institución provincial xa conta cos cadros técnicos precisos  para colaborar cos propietarios de bens catalogados que desexen iniciar proxectos de consolidación” indica Varela, “polo que demandaremos que estes sexa postos á súa disposición”, e mesmo que se abran liñas de axuda para aqueles propietarios que estén dispostos a iniciar proxectos de rehabilitación.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL SERVIZOS FERROVIARIOS

 A supresión  do tren rexional que conectaba Valdeorras con Vigo, a supresión do rexional a Compostela e múltiples deterioros nos servizos ferroviarios, como a  eliminación de paradas e  frecuencias, denotan un desleixo que se ven producindo durante décadas cara un servizo básico para Ourense. Polo que o voceiro do BNG na Deputación de Ourense, Bernardo Varela, propuxo unha Declaración Institucional, aos diferentes grupos provincias, para solicitar ao goberno do Estado que se poña enriba da mesa un servizo áxil e con frecuencias razoables que permita vertebrar o territorio.