Carlos Blanco, Oswaldo Digón e Carmen Méndez abren este sábado no Carballiño ‘Comicamente’, o ciclo de humor apoiado pola Xunta

Impulsado polas empresas Con de tres pés, Etiqueta Negra e Ainé Producións, o proxecto súmase ás máis de 3.000 actividades programadas xa para este verán no marco do Xacobeo 21-22 co obxectivo de reactivar o sector cultural

O novo ciclo Comicamente, impulsado polas empresas Con de tres pés, Etiqueta Negra e Ainé Producións co apoio da Xunta, arranca este sábado no Carballiño coas actuacións de Carlos Blanco, Oswaldo Digón e Carmen Méndez. A función terá lugar ás 22,00 horas no Campo das Barcias. As entradas poden adquirirse a través de comicamente.gal, onde figura o programa completo, e de ataquilla.com.

AVANTAR ACTIVIDADES

O obxectivo é levar o humor galego a 12 concellos da Comunidade ata mediados de setembro. O proxecto, enmarcado na programación do Xacobeo 21-22, súmase ás iniciativas postas en marcha polo Goberno galego co obxectivo de contribuír á reactivación do sector cultural.

Carlos Blanco, Xosé A. Touriñán, Luis Piedrahita, xunto a Lucía Veiga, lideran o ciclo, que conta coa participación doutros referentes do humor galego, como David Amor, Oswaldo Digón, Marta Doviro, Marita Martínez, Carmen Méndez, David Perdomo, Celso Sanmartín, Ledicia Sola e Pepo Suevos.

Vigo, Vilagarcía de Arousa, Sanxenxo, Ourense, Mondoñedo, Pontevedra, A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo e Lalín son as localidades confirmadas que van acoller as actuacións previstas. A eles sumarase unha localidade máis, aínda por determinar. Todos os espectáculos serán en emprazamentos ao aire libre e cunhas moi coidadas postas en escena.

Así, a vindeira semana será a quenda de Carlos Blanco, Xosé A. Touriñán e Luis Piedrahita na ETEA de Vigo, o venres 6 de agosto. Carlos Blanco e Luis Piedrahita, desta vez con Marta Roviro, estarán tamén no Parque da Xunqueira de Vilagarcía de Arousa o sábado 7.