“Daltonismo: problema e (posible) solución”

Ana Ross Castro é unha carballiñesa que estudia medicina na USC. Foi alumna do IES Nº1 con un expediente brillante que culminou co Premio Extraordinario de Bacharelato


Os alumnos Carolina Carvalho dos Santos, Samuel Carpinteiro, Ana Ross Castro e Guillermo Castro, da facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, tivemos que realizar un traballo sobre algunha enfermidade ou condición que presentase dificultades na vida diaria. A presenza de varios daltónicos na familia de Carolina marcou a escolla deste tema, o daltonismo, topando que é unha condición moi prevalente na sociedade. Porén, existe moito descoñecemento sobre ela e, en España, moi poucas facilidades que poidan axudar ás persoas que a presentan.

AVANTAR ACTIVIDADES

Que é o daltonismo?

Nos nosos ollos contamos con tres tipos de receptores, chamados ¨conos¨, para detectar a cor. Hai un para o vermello, outro para o verde e outro para o azul. O daltonismo é a condición (e non enfermidade) na que algún destes receptores, ou varios deles, fallan. Así, por exemplo, podería fallar o cono da cor vermella, de tal xeito que esa persoa non a podería ver. Pero non só iso: como sabemos, o laranxa é a combinación de vermello e amarelo, polo que tampouco vería ¨correctamente¨ esta cor. Así, esta persoa tería afectada toda a súa gama de cores.

Cifras

Arredor do 4 % das persoas son daltónicas. Isto, en España, supón un total de dous millóns de afectados. É moito máis frecuente en homes, presentándose, máis ou menos, en un de cada dez.

Por comparar e facernos unha idea do que estas cifras supoñen: a hemofilia, que é unha enfermidade cas mesmas características do daltonismo (ligada ao cromosoma X), está presente en menos do 0.01 % da poboación e, a esquizofrenia, no 1 %.

Primeira problemática: a desinformación

Hai moitos mitos e malos entendidos arredor desta condición: a xente pensa que os daltónicos ¨confunden as cores¨ ou que ¨non aprenderon ben os nomes¨. Esto pode ser malo para os nenos pequenos, que poden sentirse incomprendidos e discriminados.

Mirando máis alá, en España non existe ningunha asociación de daltónicos que poida velar polos seus intereses e, a nivel mundial, non hai case estudos sobre o tema.

Segunda problemática: a vida cotián dun daltónico

Os daltónicos poden levar unha vida practicamente normal, si. Non é unha condición que poña a súa vida en risco continuamente, si. Pero hai algo que temos que ter en conta: moitos aspectos da nosa vida se sustentan nun código de cores: os mapas do metro, as liñas que indican a dirección nos hospitais… Para os non daltónicos, a simple visualización destas sinais é unha mensaxe inmediata, que non require maior razoamento; pero para os daltónicos non é así.

Pasando polos problemas que presentan á hora de escoller a roupa para se vestir e o non saber se a froita que collen está ou non madura, o verdadeiro problema xorde en situación que requiran inmediatez, como a visualización dun semáforo. Claro que poden memorizar que a luz superior é a vermella e indica que paren, pero presentan problemas cando a luz incide sobre o semáforo e simplemente non saben cal dos tres focos está aceso.

Outro exemplo sería un incendio: nalgúns tipos de daltonismo o vermello do extintor veríase case negro e, co fume, é moi difícil de distinguir.

No ámbito sanitario está moi presente: os diferentes grosores de agullas, os distintos tipos de torniquetes, as papeleiras para os residuos… diferéncianse pola cor. Un médico daltónico quizais non se podería permitir buscar a alguén para preguntarlle se a cor do vial que eles pensan que é adrenalina é a axeitada, pois podería comprometer a saúde do paciente.

A solución: ColorAdd de Miguel Neiva

A raíz do noso traballo, puxémonos en contacto con Miguel Neiva, diseñador e líder da asociación ColorAdd de Portugal, creador dun sistema de símbolos que permiten traducir as cores a uns pequenos pictogramas. Por facer unha analoxía, sería como o sistema Braille para os daltónicos.

Esta linguaxe xa está presente en Portugal en distintos ámbitos: nas caixas de lapis de cores, etiquetas da roupa, no ámbito sanitario e ata nas cartas do xogo ¨Uno¨. O máis importante e sorprendente: en Lisboa instalouse, fai pouco, o primeiro semáforo para daltónicos, todo un hito.

Somos conscientes de que esta invención non se pode importar dun día para outro a España e moito menos comezar a implantarse así como así. Somente buscamos levantar un pouco de conciencia e curiosidade sobre este tema, na medida que sexa posible. Polos momentos, o IES nº1 do Carballiño ofertounos amablemente a posibilidade de dar algunha charla sobre o tema para o vindeiro curso.