Galicia conta con 21 polígonos agrarios e 21 aldeas modelo no primeiro ano da posta en marcha da Lei de recuperación de terras

Ilustración 1 A aldea modelo de Meixide, na Veiga, é unha das 21 iniciativas deste estilo que se puxeron en funcionamento en Galicia.

A Consellería de Medio Rural puxo en marcha en maio do 2021 a Lei de recuperación da terra agraria, un instrumento que fixo posible a creación destes proxectos

A Xunta de Galicia aprobou en maio de 2021 a Lei de recuperación agraria coa finalidade de poder poñer en marcha iniciativas para recuperar grandes espazos produtivos seguindo o tipo de actividade máis propicia para cada zona. O obxectivo desta norma é dinamizar o territorio e xerar actividade económica como medio de supervivencia no rural, ó mesmo tempo que se facilita a loita contra os incendios forestais con medidas de anticipación.
Os instrumentos que esta lei permitiu poñer en marcha, entre outros, foron os polígonos agroforestais e as aldeas modelo, dous modelos de posta en valor de terras que están mobilizando máis de 9.300 hectáreas na comunidade galega, permitindo un uso máis eficiente dos terreos e que facilitando un aumento da competitividade para un dos sectores económicos primordiais en Galicia, o sector primario.

AVANTAR ACTIVIDADES

Galicia conta con 21 aldeas modelo

As aldeas modelo son un xeito de mobilización da terra que consiste en devolver á produción terreos que se atopen en estado de abandono e que sexan óptimos para o desenvolvemento, impulsando a súa actividade e favorecendo que se fixe poboación naos núcleos implicado súa actuando como medida contra os lumes, xa que todas elas están situadas en zonas de alto risco incendiario e adheridas ao sistema público de xestión da biomasa. A súa declaración é sempre en colaboración co concello no que están ubicadas.
Na actualidade, Galicia ten en funcionamento 21 aldeas modelo: A Coruña conta con unha e Pontevedra con outra, Lugo ten cinco e Ourense conta con 14. En conxunto, congregan máis de 570 hectáreas de superficie en máis de 9.300 parcelas.

Ilustración 2 A aldea modelo de Trascastro, no Incio, en Lugo, adícase á extensión vacún.

Recentemente, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, declarou tres novas aldeas modelo: a de Soutogrande, no concello ourensán de Vilariño de Conso, cunha superficie de 33,5 hectáreas distribuídas en 99 parcelas de 46 titulares; a de Cortegazas, no concello ourensán de Avión, con 15,11 hectáreas en 727 parcelas de 99 propietarios e a de Ferreiros, en Ames, con 8,55 hectáreas en 128 parcelas de 52 titulares.

Ademais, está en marcha a recollida de sinaturas para a aprobación doutras sete aldeas -unha na Coruña, outra en Lugo e outra en Pontevedra e catro en Ourense- que mobilizarán 194,84 hectáreas.

Polígonos agroforestais de iniciativa pública e privada

No caso dos polígonos agroforestais de iniciativa privada, a Consellería do Medio Rural preguntou pola necesidade de terra en abril do pasado ano a través dunha Manifestación de Interese. Como resposta, recibíronse 1.244 enquisas sobre demanda de terra agraria e 255 proxectos. Un total de 34 iniciativas amosaron interese por poñer en marcha esta ferramenta de mobilización de terreos, o que supón unha superficie total de 1.300 hectáreas.

No caso dos polígonos agroforestais de iniciativa pública, a Xunta de Galicia reestrutura as parcelas para que teñan o tamaño suficiente para que os cultivos sexan rendibles e ademais é indispensable que estean a favor os propietarios de máis do 70% da superficie, para o que é necesario a colaboración entre administracións.

Na actualidade, Galicia conta con 21 polígonos deste tipo, dez deles xa iniciados cunha recuperación de 4.114 hectáreas e once en actuacións previas. Os máis avanzados son os ourensáns de Oímbra, dedicado ó cultivo de ciclo curto e gandaría en exensivo e arbores froiteiras como actividade secundaria, e o de Cualedro, con gandaría en extensivo e cultivos complementarios. Os outros oito son os de Remuíño na Arnoia, Barzamedelle en Leiro, Pousada en Riós, Vences en Monterrei, Solbeira en Paderne de Allariz, Vilalén-Tomonde en Cerdedo, Mandelos en Crecente e Santaia-Foxado en Curtis.

As zonas prioritarias candidatas para ser declaradas polígono agroforestal pola Xunta deben ter un abandono superior ó 50%, ser áreas cortalume e que haxa un compromiso de adhesión ó proxecto dunha superficie mínima do 70%. Entre as restantes zonas, darase prioridade a zonas de elevada aptitude agropecuaria delimitada no catálogo de solos en situación especial de abandono, á ampliación da base territorial das explotacións existentes mediante o acceso a terras estremeiras abandonadas ou infrautilizadas e á recuperación de terras para producións acollidas nas Indicacións Xeográficas Protexidas e Denominacións de Orixe Protexidas.