Manuel Baltar: “Sinto máis ilusión que nunca para que a voz de Ourense siga sendo a dun Partido Popular que suma, escoita e constrúe”

Manuel Baltar, na entrega dos 4.202 avais que apoian a precandidatura á reelección como presidente provincial

Publicidade

 “Todos os cargos institucionais do partido –dixo- avalan esta candidatura, polo que só podo sentir orgullo e agradecemento por ese apoio, pero por suposto tamén polo dos milleiros de afiliados que cren, pensan e viven para esta formación política e que tanto axudan en todas as convocatorias electorais para obter uns resultados que son ciencia ficción para o resto de partidos”

·      Entre os seus obxectivos para unha nova presidencia, Manuel Baltar citou ter nomeados en decembro de 2022 aos cabezas de lista dos 92 concellos da provincia para as eleccións de maio 2023, con estratexias adaptadas para cada lugar, procurar o apoio daqueles votantes, mesmo socialistas, “que queren políticas centradas, moderadas e sen estridencias”, seguir sendo a única formación de España con maioría feminina nos órganos de dirección, así como a estrea dunha nova sede “aínda que a sede principal sempre estará nas rúas e en calquera lugar onde haxa un ourensán”

Manuel Baltar presentou hoxe diante do comité organizador do 18º Congreso Provincial do PP de Ourense as 4.202 sinaturas que avalan a súa precandidatura á reelección como presidente dos populares ourensáns, nun acto que cualificou como “moi importante polo significado que ten non só como reto político, senón tamén persoal e emocional, pois sinto máis ilusión e ganas que nunca para conseguir que a voz de Ourense siga sendo a dun Partido Popular que suma, escoita e constrúe”.

En declaracións aos medios de comunicación, Manuel Baltar subliñou que os 4.202 avais -cifra que coincide cos días transcorridos desde a súa chegada en 2010 á presidencia do partido- son sinaturas que inclúen a todos os presidentes das xuntas locais da provincia, dos máis de 60 alcaldes populares, dos portavoces municipais na oposición, de todos os deputados provinciais, parlamentarios autonómicos, senadores e deputados no Congreso. É dicir, “que todos os cargos institucionais do partido avalan esta candidatura, polo que só podo sentir orgullo e agradecemento por ese apoio, pero por suposto tamén polo dos milleiros de afiliados que cren, pensan e viven para esta formación política e que tanto axudan en todas as convocatorias electorais para obter uns resultados que son ciencia ficción para o resto de partidos”.

Desde o plano persoal, Baltar afirmou que ese apoio “dáme moita máis forza da que tiña hai 11 anos, seis meses e dous días, aumentada grazas a experiencia adquirida tralo meu paso pola delegación de Agricultura da Xunta, os dez anos que estiven no Parlamento galego e na súa vicepresidencia e nos case dez anos na presidencia da Deputación, grazas a este partido e a todos os que elección tras elección depositaron a súa confianza en forma de papeleta na que pensaron que era a mellor opción”.

Engadiu o precandidato que “ás institucións se chega por apoio democrático e son gobernadas por persoas que se presentan a través de partidos políticos e que se senten capaces de liderar esas formacións, como é o meu caso”, lembrando que “sempre que me presentei pedín que houbera máis opcións e que calquera persoa que tivese un proxecto de partido dese un paso adiante”. Abonda con 75 avais para formalizar unha precandidatura, dixo, “e os avais presentados hoxe equivalerían a 56 alternativas”.

Destacou Manuel Baltar que “falamos da forza política máis importante da historia de Ourense e desde a súa sede, onde vivimos especiais momentos de celebración como cando obtivemos o mellor resultado histórico nunhas eleccións autonómicas, nunhas xerais e nunhas europeas e, para se obteño a confianza no congreso do 26 de setembro, conseguir os mellores resultados históricos nunhas eleccións locais, que serán as do 28 de maio de 2023”.

UN PARTIDO MÁIS FORTE E CON MÁIS MAIORÍAS ABSOLUTAS.

Entre os principais obxectivos políticos que se marca Manuel Baltar figura  “seguir gañando a confianza da veciñanza de Ourense, que se concreta en apoio electoral, aumentando o número de maiorías absolutas nos concellos e gobernar con maioría absoluta na Deputación, pero tamén contribuír con toda a nosa forza para que cando Sánchez convoque eleccións xerais Pablo Casado sexa presidente do Goberno”.

Adiantou que en decembro de 2022 quere ter nomeados aos cabezas de lista dos 92 concellos da provincia para as eleccións de maio 2023, con estratexias adaptadas para cada lugar e co obxectivo de procurar o apoio daqueles votantes, mesmo socialistas, “que queren políticas centradas, moderadas e sen estridencias”.

Ademais, sinalou, unha vez que mañá remate o prazo de presentación de candidaturas, presentará un decálogo de propostas onde vai figurar unha importante novidade como é a estrea dunha nova sede, aínda que a sede principal sempre estará nas rúas e en calquera lugar onde haxa un ourensán”. Non obstante, o principal camiño a seguir será “manter a forza dun partido que reside no seu galeguismo, centrismo e reformismo”.

MAIORÍA FEMININA NA DIRECCIÓN.

Manuel Baltar tivo palabras para “o sensacional equipo que me acompañou neste tempo”, agradecendo o seu apoio aos que están e aos que estarán no futuro”, así como tamén aos membros da xunta directiva e da dirección autonómica e nacional”.Precisamente sobre o novo equipo que proporá no congreso do 26 de setembro apuntou que seguirá sendo de maioría feminina, “como o comité executivo, o único de calquera formación política española con maior presenza de mulleres, e onde se mesturarán caras novas coa experiencia nun proceso continuo de renovación que nestes once anos alcanzou o 73 % dos liderados municipais”.