O Psdeg-Psoe de Viana pide que Iberdrola suba o nivel de auga do encoro do Vao para asegurar que a regata da Fegapi se leva a cabo “en condicións de total seguridade”

Os socialistas aseguran que o nivel de auga do encoro comezou a descender a inicios desta semana, polo que a diferencia entre o caudal e o embarcadoiro podería dificultar a proba

Subliñan que se trata dunha competición que contará coa participación de arredor de 200 piragüistas e instan á operadora eléctrica a atender as demandas institucionais para que sexa un éxito

AVANTAR ACTIVIDADES

O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Viana do Bolo vén de manifestar a súa preocupación a respecto do descenso do caudal do encoro do Vao cando está a piques de celebrarse a Regata da Copa Deputación de Piragüismo, organizada pola Federación Galega de Piragüismo, polo que solicita que Iberdrola proceda a subir o nivel da auga para asegurar que a competición se leva a cabo “en condicións de total seguridade”.

Os socialistas aseguran que o nivel da auga do encoro “comezou a baixar a inicios desta semana”, o que provocou que aumentase a diferencia de altura entre o caudal e a plataforma, que ao ser fixa no canto de flotante, require que as canoas sexan apeadas, co conseguinte risco que a manobra conleva para os participantes no encontro.

Neste sentido, indican que a baixada do caudal xusto ás portas da celebración da regata –que terá lugar este domingo e na que participarán arredor de 200 piragüistas–, tamén deixa á vista edificacións que estaban anegadas, así como vexetación e árbores, polo que insisten en que a operadora atenda as demandas institucionais e eleve o caudal co obxectivo de que a competición sexa disputada co maior nivel de seguridade posible.

“Iberdrola pode subir o nivel da auga e neste caso consideramos que é unha cuestión de responsabilidade facelo, de maneira que este encontro poida celebrarse de maneira segura e coa tranquilidade de saber que os participantes contan coas condicións óptimas para que a regata sexa todo un éxito”.