Gabriel Alén destaca os obradoiros de emprego como oportunidades para a mocidade no mercado laboral

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá, acompañado do presidente da Mancomunidade Voluntaria de Concellos da Comarca de Ourense, José Manuel Fernández, e alcaldes dos concellos pertencentes  á mancomunidade, o Obradoiro de Emprego ‘Manco Xove V’, dirixido a menores de 30 anos.

Este Obradoiro, no que a Consellería de Emprego e Igualdade inviste preto de 370.00 euros,  formará a 9 alumnos – traballadores nos módulos de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas-, e a 7 no de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. Os concellos beneficiarios son: Baños de Molgas, Esgos, Maceda, Nogueira de Ramuín, Paderne de Allariz, Parada de Sil, Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadañedo.

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial explicou que os Obradoiros de garantía xuvenil son programas mixtos de emprego e formación que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas participantes, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente co dito traballo, procure a súa cualificación profesional e a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.

Gabriel Alén destacou que a formación que se imparte nos concellos está adaptada aos perfís máis demandados das empresas da contorna polo que algúns alumnos atopan emprego mesmo antes de finalizar a súa formación. O delegado da Xunta felicitou aos participantes: “porque teredes a oportunidade de formarvos durante  meses e de traballar para mellorar as vosas capacidades profesionais e a vosa empregabilidade, polo que é moi importante aproveitar esta formación para poder atopar un emprego”.

O representante do Goberno autonómico sinalou que na provincia de Ourense a Xunta de Galicia tamén investiu 369.000 euros noutro Obradoiro de Emprego de garantía xuvenil, neste caso o pertencente á Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín, o ‘Mocidade da Mancomunidade de Verín VI’, que formará a 8 alumnos – traballadores  nos módulos de froito cultura e 8 no de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. Os concellos beneficiarios son: Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Verín e Vilardevós.

Actuacións previstas

Os participantes desenvolverán tarefas de tratamentos silvícolas sobre redes secundarias e terciarias de xestión da biomasa forestal no Concello de Baños de Molgas; desbroce e tratamentos silvícolas no camiño real de San Pedro de Rocas, e na ruta dos muíños e nos seus enlaces co camiño real en Esgos; limpeza e mantemento da ruta “Os Penedos da Moura” no concello de Maceda; tratamentos silvícolas sobre redes secundarias e terciarias de xestión da biomasa forestal no concello de Nogueira de Ramuín; podas de saneamento e formación no arborado de varias áreas recreativas, roza para o mantemento das rutas de sendeirismo e limpeza e adecentamento no entorno do novo centro médico e camiños colindantes en Paderne de Allariz; tratamentos silvícolas en Cortiñas-Sacardebois, A Lama-Fíós-Chandrexa e Forcas-Meder en Parada do Sil; limpeza e mantemento da Boutureira e do campo da Mámoa en San Cibrao das Vilñas; tratamentos silvícolas en diferentes zonas e o desbroce do camiño de Vilanova a Armariz e de Armariz a Mazas en Xunqueira de Ambía; tratamentos silvícolas sobre redes secundarias e terciarias de xestión da biomasa forestal no concello de Xunqueira de Espadanedo.

Asemade, desenvolverán actuacións de atención sociosanitaria en institucións e residencias dos concellos de Maceda, Nogueira de Ramuín e Pereiro de Aguiar

Os proxectos que se financien ao abeiro desta convocatoria poden ser promovidos polos concellos de Galicia, polas mancomunidades de concellos e polas entidades públicas dependentes ou vinculadas a concellos ou mancomunidades cuxa titularidade corresponda integramente a elas.

Os Obradoiros están destinados a persoas inscritas no ficheiro do sistema nacional de garantía xuvenil e terán unha duración de 12 meses